parlamento europeo

O Bloque insta á presidencia española a desbloquear o recoñecemento das confrarías

A. Miranda L.Planas Comisión Pesca
A. Miranda L.Planas Comisión Pesca
Ana Miranda alerta da “especial preocupación” no sector pesqueiro pola instalación da eólica mariña en zonas de pesca

Na Comisión de Pesca celebrada hoxe en Bruxelas, Ana Miranda interpelou ao Ministro de Pesca, Luis Planas, sobre varios temas de gran importancia para o sector pesqueiro como son o recoñecemento oficial das confrarías, posto que son actores fundamentais na toma de decisións, e a preocupación -e na maioría dos casos oposición- pola instalacións de parques eólicos mariños en zonas de pesca.

“Dende o BNG solicitamos que se desbloquee nesta presidencia española o recoñecemento das confrarías”, salientou Ana Miranda, quen explicou que así o reclaman a Federación de Confrarías Galegas e a Federación Estatal dende hai anos. “As confrarías teñen que ser recoñecidas a nivel europeo”, reiterou a eurodeputada nacionalista, quen salienta que teñen un papel fundamental na toma de decisións relacionadas co sector pesqueiro.

Sen o aval do Tribunal de Contas da UE

Por outro lado a eurodeputada do Bloque trasladou ao ministro Luis Planas a “especial preocupación que temos en Galiza coa instalación da eólica mariña”. Ao respecto, Miranda sinalou que eses proxectos de parques eólicos mariños contan coa “rotunda oposición do sector pesqueiro e marisqueiro do noso país”, así como de boa parte dos colectivos ecoloxistas.

Para o Bloque esa oposición queda avalada co informe que acaba de publicar o Tribunal de Contas, titulado “Offshore Energy Renewable in the EU”, segundo o cal “o desenvolvemento da enerxía renovable mariña plantea unha serie de problemas prácticos, sociais e medioambientais que aínda non recibiron suficiente atención”. Neste sentido, este informe considera que a Comisión de Pesca non valorou suficientemente que as consecuencias da instalación da enerxía renovable mariña sexan prexudiciais para o medio mariño e que provoquen cambios referidos ao desprazamento das especies, os cambios estruturais das poboacións e a dispoñibilidade de alimentos.

“Non hai nada máis medioambiental que protexer o mar e protexer as especies mariñas e non hai nada máis medioambiental que impedir que empresas especuladoras veñan contra a nosa pesca”, concluíu a eurodeputada do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG