O Bloque arranca as municipais en Ourense cun gran acto político para visualizar un BNG á alza

Acto público en Ourense
Acto público en Ourense

Asistirá a portavoz nacional, todos os referentes políticos e municipais de Ourense e contará coa participación do alcalde de Pontevedra como referente da acción municipal no ámbito urbano

O BNG inicia a preparación das eleccións municipais en Ourense cun gran acto político na cidade das Burgas que ten como obxectivo presentar a un Bloque Nacionalista Galego en alza tras a etapa aberta co relevo xeracional que lidera Ana Pontón, que permitiu abrir un tempo novo marcado pola recuperación social e electoral, que volverá ter resultados visibles nos comicios locais de 2019.

O acto terá lugar o vindeiro 13 de marzo no Centro Cultural Marcos Valcárcel e congregará a máis dun cento de responsables políticos do ámbito municipal, con especial protagonismo aos concellos nos que a formación nacionalista goberna ou cogoberna, -Allariz, Verín, Baños de Molgas, Viana do Bolo, A Rúa, A Mezquita-, co obxectivo de quentar motores de cara á cita municipal coa á elaboración de programas e candidaturas.

A portavoz nacional asistirá a este acto político que contará coa presenza de referentes emblemáticos na provincia, como Alfredo Suárez Canal ou Tereixa Paz, e no que tamén intervirá o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que xunto con Francisco García en Allariz, son dou exemplos representativos da capacidade dos gobernos municipais do BNG para transformar as vilas e cidades onde goberna, e facelo a favor da veciñanza e mellorando a calidade de vida das persoas.

Neste sentido, a formación nacionalista tamén quere que se visualice que os concellos do BNG garantía de “marca de calidade”, demostrando que teñen alternativas aos problemas como a mobilidade nas urbes, propostas en apoio ao comercio de proximidade, como preservar o patrimonio, promover a lingua e a cultura do país, capaces de facer unha xestión ambiental sostible e de poñer en marcha modelos urbanos de proxección internacional, como Pontevedra ou Allariz.

Eses gobernos municipais de calidade e transformadores a favor da maioría son, para a portavoz nacional, Ana Pontón, o mellor aval para presentar de cara aos comicios locais de 2019, tamén na provincia de Ourense, con proxectos sólidos e de éxito desenvolvidos polos concellos nacionalistas, referentes de políticas de benestar, de calidade de vida, rexeneración urbana e de dinamismo económico e social.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG