parlamento galego

Aprobada unha iniciativa do BNG para que o Estado pida a exclusión da pesca artesanal galega do Regulamento de Control

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez advirte dun “claro ataque ao noso sector pesqueiro” que pode traer consigo “consecuencias nefastas e mesmo despezamentos non desexados”

O Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade unha proposta do BNG na que se demanda que o Goberno do Estado negocie coa Comisión Europea a adaptación á frota galega das medidas recollidas no Regulamento de Control, aprobado definitivamente o pasado mes de outubro e que, segundo advertiu a deputada Rosana Pérez, constitúe un “claro ataque ao noso sector pesqueiro” que, de non modificarse, traerá consigo moi probablemente “consecuencias nefastas e mesmo despezamentos non desexados”.

A proposición non de lei, defendida por Rosana Pérez, pide expresamente que o Goberno do Estado negocie a exclusión da frota artesanal do regulamento, así como a busca de solucións que faciliten a regularización da frota pesqueira galega respecto da potencia dos motores das embarcacións e que eviten a expulsión de buques do mar. Reclámase tamén e a eliminación da retroactividade nas sancións que impediría ter acceso ás axudas FEMPA. 

Outro punto da iniciativa aprobada é esixir do Goberno do Estado todas as actuacións necesarias para a modificación da definición de frota artesanal recollida na política pesquera común (PPC). Pídese, finalmente, que a Xunta exerza as súas propias competencias en augas interiores e aplicar as normas de control propias.

Na defensa da proposición, Rosana Pérez considerou que a reforma do Regulamento aprobada inicialmente a principios de 2021 e definitivamente este mes de outubro significa “un novo chanzo nesa escalada que a UE vén mantendo en contra da nosa frota”, da que non se ten en conta unha singularidade que a fai merecedora dun tratamento específico.

“Falamos dunha frota de máis de 3.500 barcos de artes menores, dos que a inmensa maioría son de menos de 12 metros de eslora, que pesca maioritariamente nas rías e, polo tanto, con mareas inferiores a 24 horas, de xeito agrupado no caso dos miles de mariscadores e mariscadoras a frote e onte o propietario é casa sempre a mesma persoa que o patrón, que tamén é a persoa que realiza as capturas e que logo tamén é a que pon á venta na lonxa, onde se pesan e se rexistran”, explicou.

Rosana Pérez lamentou a “teima uniformizadora e equiparadora” da UE mentres o Goberno do Estado considera histórico o regulamento e a Xunta asiste á súa aprobación  como “mero espectador”. Un regulamento que volve incidir, subliñou, en presentar a todo o sector como “sospeitoso permanente, presunto delincuente habitual e como depredador dos propios recursos que o manteñen”.

Entre outras cuestións, o regulamento obriga a todos os buques, “susceptíbeis de cometer incumprimentos”, a levar cámaras a bordo, e deixa a porta aberta para que os Estados podan ampliar esta medida aos de menos de 18 metros. Tamén introduce dispositivos de control de potencia de motores dos buques a partir de 2027 “malia que se recoñece por todo o mundo que a potencia dos motores -apuntou Rosana Pérez- non incrementa a capacidade de pesca porque esa capacidade está suxeita a TACS e cotas na maioría das pesquerías”.

O regulamento xeneraliza tamén o diario electrónico despois de 2030 para embarcacións de menos de 9 metros, que son a inmensa maioría na frota de baixura e artesanal galega. Ademais, subliñou a deputada do BNG, introduce un réxime de sancións que é “unha auténtica bomba de reloxería e que xa está a ser o principal quebradeiro de cabeza do sector”.

Rosana Pérez aproveitou a réplica da súa intervención para pedir coherencia ao PP na defensa do sector pesqueiro galego. Lembrou, neste sentido, o voto en contra dos populares contra una proposta do BNG esta mañá no Senado para suprimir o IVE do peixe ou  que grupo dos populares en Europa tamén votou a favor do regulamento obxecto da iniciativa.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG