Galegas 2024

Ana Pontón reivindica o orgullo do rural e de ter nacido no seo dunha familia humilde para pedir a confianza dos galegos e das galegas

Ana Pontón coa súa nai e co seu pai
Ana Pontón coa súa nai e co seu pai

A candidata do BNG escolle a súa casa familiar na aldea de Chorente para que a xente a coñeza mellor e saiba cales son as súas orixes e os ideais que marcarán o seu traballo como presidenta”

“Nesta cociña aprendín que temos que ter orgullo de nós e non podemos poñernos límites e que temos capacidade para facer grandes cousas, afirmou emocionada xunto á súa nai Aurita e o seu pai Luís

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, escolleu a súa casa familiar na aldea de Chorente (Sarria) como primeira parada de campaña, na que estivo arroupada pola súa nai, Aurita, e o seu pai, Luís. Nun entorno moi afectivo, a cociña da vivenda na que se criou, trasladou a súa parte máis persoal. “Quero que os galegos e as galegas ás que lle pido a confianza para ser presidenta saiban quen son, que coñezan de onde veño, cales son as miñas orixes e os meus valores para construír unha Galiza mellor”, explicou.

Dende a cociña da súa infancia, reivindicou o orgullo do rural e de ter nacido nunha familia que, a pesar de ser humilde, nunca lle puxo límites ao que quería ser. “Aquí vivín 18 anos, até que marchei a Santiago para estudar na universidade, e síntome moi orgullosa da miña orixe e moi afortunada de terme criado nunha aldea, cos valores que me transmitiron neste espazo”, asegurou. “Nesta cociña -agregou- aprendín que teos que ter orgullo de nós, que non podemos poñernos límites e que temos capacidade para facer grandes cousas”.

Ana Pontón coa súa nai e co seu pai
Ana Pontón coa súa nai e co seu pai

Filla de gandeiros, referiuse ao traballo no rural como exemplo do que significa o esforzo e, emocionada, aludiu a todo o que fixeron os seus pais “por sacar adiante unha familia de catro fillos, dándolle máis oportunidades das que eles tiveron”. A candidata do BNG lembrou como o seu pai tivo que emigrar dende os 16 até os 30 anos, cando regresou a Chorente para traballar nunha cementeira en Ourol, mentres a súa nai se facía cargo dunha pequena explotación gandeira.

“Nesta cociña aprendín tamén a compartir”, continuou, relatando como de pequena lle incomodaba ter “demasiada roupa herdada”. “Nunca nos faltou de nada, pero tampouco nos sobraba nada”, dixo, para engadir que a situación económica da súa familia serviulle co paso dos anos para saber que “non se pode ter de todo e que o importante é saber que hai que traballar para intentar que a túa vida sexa plena e acadar os teus obxectivos”.

Pontón tivo unha lembranza especialmente agarimosa para a súa avoa, coa que durmía cando era pequena e coa que tiña “un vínculo moi potente”. Ela foi quen mellor lle transmitiu o valor do traballo das mulleres e a importancia de reivindicar a igualdade: “Era unha muller especial, dende pequena ensinoume que as mulleres somos iguais que os homes e que nunca permitira que se nos tratase como se fósemos menos. Ela sempre dicía que traballaba máis que os homes, porque cando chegaba a casa aínda tiña que facer a comida, lavar a roupa...”. Foi o seu referente, porque simbolizaba “a todas esas mulleres que nos foron abrindo camiño, que loitaron pola igualdade e que axudaron a que agora non nos poñamos límites sobre as nosas aspiracións”.

Pontón explicou que nacer nunha familia “humilde, traballadora e de aldea” non implica ser menos que ninguén nin ten por que limitar o teu futuro. “Se me preguntaran cando era adolescente se quería ser presidenta, contestaría que nin mo imaxinaba; si mo preguntaran hai dez anos tamén diría que non. Pero hoxe creo que este País necesita unha presidenta”, afirmou, convencida de que a partir do 18-F Galicia pode ter unha muller liderando o Goberno dende os valores que aprendeu en Chorente: “O orgullo de nós, de crer que non temos límite e de que podemos facer grandes cousas”, sintetizou.

Aurita: “Ana vai traballar sempre coas mans libres e coas mans limpas”

A xuntanza na casa familiar tivo un momento especialmente emotivo cando os medios de comunicación preguntáronlle á súa nai como vía á súa filla de cara á cita do 18-F. “Se Ana é presidenta, traballará con honestidade e coa intención de mellorar a vida de todos os galegos e galegas, se aínda hai xente que non sabe a quen votar pídolle que lle dean unha oportunidade porque vaino facer moi ben e vai traballar sempre coas mans libres e as mans limpas”, destacou Aurita visiblemente emocionada.

A candidata do BNG aproveitou a súa visita a Chorente para subliñar, por outra banda, a importancia de coidar o rural para que Galiza avance e destacou, neste sentido, a “enorme capacidade de adaptación e a resiliencia” que a xente do rural ten demostrado ao longo dos últimos tempos.

Pontón avanzou algunha das medidas do programa do BNG para conseguir un rural “máis vivo” e con oportunidades, entre as que destacou a dotación de máis servizos que axuden a fixar poboación, ou o apoio a actividade produtiva coa mobilización de máis de 100.000 hectáreas de superficie agraria útil, o impulso do banco de terras ou o apoio á industria transformadora. Comprometeuse ademais a poñer en marcha o programa do Rural á Mesa, consistente na compra pública de alimentos de proximidade para fornecer aos comedores escolares, de hospitais ou centros sociais e da administración.

Outra das apostas do BNG é a diversificación da actividade económica a través do Ticket Rural para os emprendedores que se asenten no rural, que recibirían 15.000 euros anuais durante cinco años e terían ademais descontos nas súas bonificacións.

Todas medidas que Pontón defendeu ao inicio dunha campaña que, reivindicou, debe estar centrada exclusivamente en Galiza, propondo solucións para mellorar a vida dos galegos e as galegas e non traendo ao País as “batallitas madrileñas”. “Estas eleccións van de Galiza e dos galegos, non son o premio de consolación nin a reválida de ninguén”, considerou.

A candidata concluíu facendo un chamamento á participación e ao voto ao BNG na cita do 18F. “Nótase que hai ganas de cambio”, considerou, e confesou que encara esta campaña chea de ilusión e con moita forza para que “en Galiza, este ano a primavera comece o 18-F”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG