Ana Pontón presentou en Ferrol as Bases Democráticas para dotar Galiza de poder político real

“Ferrol é a metáfora da discriminación do Estado e do freo que supón a falta de poder político para crear emprego e benestar social”, afirmou a portavoz nacional do BNG

Ana Pontón presentou en Ferrol as Bases Democráticas para dotar Galiza de poder político real

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou en Ferrol as Bases Democráticas, proposta política do BNG para definir un novo marco institucional para Galiza desde o seu recoñecemento como nación, e dotala de todas as ferramentas para tomar desde aquí as decisións que afectan ao país.

Ferrol, onde o peso do Estado é avasalador, é un exemplo de ata que punto é lesivo que as decisión se tomen en Madrid.

“A situación de Ferrol é unha metáfora da discriminación do Estado con Galiza, un exemplo de como a falta de poder político propio é hoxe o principal freo para crear emprego e xerar igualdade e benestar”, explicou Pontón, con síntomas tan claros  como a caída nun 33% da poboación censada, pasando das 87.691 personas na década dos ochenta a 63.308 en 2016.

Non é a única consecuencia, Ferrol é a cidade máis envellecida de Galiza, case duplicando os índices de Pontevedra e moi por riba de Ourense e Lugo. “Non é por casualidade, esta realidade está directamente relacionada coas reconversións navais e coa destrución da base produtiva da Ría, a día de hoxe aínda pendente do seu saneamento integral, os estaleiros teñen o fracasado centro de decisións en Madrid. En definitiva, decisións políticas que dependeron e dependen do Estado”, argumentou.

A dirixente do Bloque puxo outros exemplos como o porto exterior, a rexeneración das rías, a transferencia da AP-9 ou a modernización do ferrocarril, infraestruturas vitais para Ferrolterra e para o conxunto do país “pero que se toman a centos de quilómetros e en contra dos intereses do pobo galego”.

As Bases Democráticas son a proposta do Bloque para “empoderar Galiza” e dotarse das ferramentas necesarias para tomar todas as decisións “desde nós e para nós, como galegos e galegas, co obxectivo de construír un país con futuro no que ninguén quede atrás”, alegou, tras advertir contra un Estado gobernado por un partido corrupto, no que a corrupción salpica tamén á monarquía e as elites económicas e xudiciais.Neste sentido, Pontón denunciou a involución democrática e a recentralización brutal que se está a dar no Estado, con consecuencias letais tanto en termos de liberdades nacionais como de dereitos sociais e laborais.

“Lonxe de garantir a igualdade, este marco herdado do 78 agasállanos cos salarios e as pensións máis baixas mentres temos a gasolina e as peaxes máis caras, taxas de emigración disparadas e peores servizos públicos”, denunciou.

Por iso, as Bases Democráticas pretenden superar o corsé da Constitución e do Estatuto,  “que non serviron para solucionar os problemas de Galiza”, e presentase como proposta para iniciar un debate con toda a sociedade, co resto das forzas políticas, cos colectivos económicos, sindicais, sociais e culturais para sacar adiante unha proposta que beneficie ao país.

Contidos clave

As Bases Democráticas establecen a idade de voto nos 16 anos, referendos vinculantes se o solicita o 3% do censo electoral e revocar cargos públicos electos implicados por corrupción. Por lei participación e representación paritaria, garantías constitucionais ao exercido dos dereitos sexuais e reprodutivos, singularmente o da muller a decidir libremente sobre o seu corpo. Queda recoñecido por lei o dereito das mulleres a unha vida sen violencia de xénero.

No ámbito dos dereitos laborais e sociais, renda social básica que garanta unhas condicións de vida dignas, carta de dereitos sociais avanzada, xestión directa da Seguridade Social e garantía das pensións de xubilación. Blindaxe dos servizos públicos, en particular, saúde, educación e servizos sociais.

En materia económica e de emprego: Facenda galega e política fiscal e financeira propia, decisión plena para desenvolver os sectores produtivos e xestionar os recursos do país, banca pública, tarifa eléctrica galega e capacidade para emitir débeda pública. Clave o recoñecemento da lingua e outros sinais de identidade.