Ana Pontón: “o PP veta a comparecencia de Feijóo para explicar a xestión dos incendios”

Ana Pontón
Ana Pontón

O grupo nacionalista solicitou celebrar un pleno extraordinario e monográfico sobre os incendios que o Partido popular tamén impediu

Ante o veto do Partido popular á comparecencia do Presidente da Xunta para explicar a xestión dos incendios a  portavoz do BNG, Ana Pontón cualificou de “politicamente impresentable” e unha “falta de respecto ás cidadás e cidadáns que merecemos unha explicación, ás persoas que están lamentando as perdas e todas aquelas que loitaron contra o lume”  que Núñez Feijóo vete a súa comparecencia nun pleno extraordinario.

Despois da  “emerxencia nacional” que acabamos de vivir,  é unha falta de respecto a Galiza que o Presidente da Xunta pretenda dilatar no tempo a súa comparecencia na Cámara galega, reiterou Pontón.Que Feijóo se negue a comparecer  é unha “covardía política” que só busca “agocharse detrás dunha xestión na que se produciron importantes neglixencias”. O presidente da Xunta tampouco quere  enfrontarse ao debate de fondo:   “unha  política forestal pirómana e fracasada” caracterizada pola falta de ordenación do monte e o abandono do medio rural.

A portavoz do BNG explicou, trala xunta de portavoces, que as escusas do goberno e do Partido popular contra a comparecencia de Feijóo “non son admisibles” e preguntou porqué a Xunta diariamente utiliza o relato das circunstancias nas que se produciron os lumes cando afirma descoñecelas?. “Si non teñen información do funcionamento do dispositivo de emerxencias porqué a conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez afirmou na pasada sesión plenaria que todo funcionara correctamente?, volveu a cuestionar a nacionalista.

Para o BNG, dixo, o proceder do goberno é “unha tomadora de pelo a todos os cidadáns que temos dereito a unha explicación”. O Presidente da Xunta debe comparecer  no Parlamento porque  é a súa obriga legal como máximo representante do dispositivo de coordinación dos incendios.

Pontón asegurou que cada día novos datos confirman a “falta de  previsión e incompetencia dos dirixentes do goberno galego  ao que sumou unha grande descordinación”. Ante isto, remarcou,  non é de recibo que Núñez Feijóo queira “agocharse e tentar tapar a súa irresponsabilidade”.

ORZAMENTOS ELABORADOS DENDE A “BURBULLA DE SAN CAETANO” E FORA DA REALIDADE TRALOS INCENDIOS

A portavoz nacionalista tamén se referiu ao calendario de tramitación  dos Orzamentos 2018 presentados hoxe no Parlamento galego. Nunha primeira valoración de urxencia indicou que as contas da Xunta deben ser modificadas en moitas das súas partidas despois dun “domingo negro” no que Galiza quedou arrasada polos incendios.

Estes orzamentos non dan resposta ás necesidades nin  consecuencias da vaga de lumes dende o punto de vista económico, ambiental e social. Son uns orzamentos elaborados dentro da “burbulla de San Caetano” que non dan resposta a todos eses concellos que semellan unha paisaxe de “guerra” sen auga potable, cos comunicacións interrompidas, falta de  subministro eléctrico, e perdas importantísimas en vivendas, explotacións e negocios.

Resulta moi preocupante, dixo, que descenda a previsión económica para a prevención de incendios, un 11,2% na  Axencia de Emerxencias  e 2 millóns e medio para a ordenación do medio rural. A prevención dos incendios forestais debe ser unha prioridade e o descenso das partidas merecen unha “emenda á totalidade”

Hai que adoptar medidas especiais ante situacións especiais polo que reclamou a posta en marcha dun “plan integral” para a recuperación económica, social e ambiental de todos os concellos arrasados polos lumes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG