Ana Pontón pide á Feixóo que tome exemplo da sociedade galega e deixe a súa equidistancia ante a homofobia que tingue o asasinato de Samuel

Ana Pontón
Ana Pontón
“É como se a un asasinato machista se lle resta importancia a causa, o presidente da Xunta ten que ser contundente na condena porque non se pode branquear os discursos de odio ou negacionistas”, alega

A portavoz nacional, Ana Pontón, expresou o “orgullo”  de ver como as rúas e as prazas ao longo de Galiza “se encheron para reclamar xustiza para Samuel e condenar o seu vil asasinato, un crime que, ademais, todo apunta a que está tinguido de homofobia, o que engadiría un delito de odio á violencia sen sentido que acabou coa súa vida”.

Por iso, Pontón amosa a súa sorpresa polas declaracións do presidente da Xunta nunha entrevista na Cadena Ser, nas que resta importancia ao feito de que o ataque ao mozo coruñés fose precedido por insultos homófobos.

“E por iso, sorprende a reacción de quen, como o presidente da Xunta, parece empeñado en negar que detrás do asasinato de Samuel hai homofobia, e non se pode ser equidistante, nin se pode tentar mirar para outro lado cando a un mozo de 24 anos é asasinado pola súa condición sexual. E como se a un asasinato machista se quixera limitar a un caso de violencia máis, como se non tivese importancia ou fose secundario a causa que motiva o crime machista”, alegou Pontón.

A líder do BNG destaca que “non se pode contribuír a branquear a homofobia, nin o machismo, nin o racismo, nin a xenofobia, non se pode branquear os discursos de odio, intolerancia ou negacionistas, como fai a extrema dereita á que cada vez se parece máis o PP. Francamente, penso que o señor Feixóo debe rectificar e ser contundente na condena da homofobia, que lamentablemente están detrás do crime que acabou coa vida dun mozo de 24 anos na Coruña”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG