Ana Pontón pide a Feijóo que se reúna cos axentes sociais para evitar a venda das centrais do Xallas

Ana Pontón e alcaldes da Costa da Morte
Ana Pontón e alcaldes da Costa da Morte
Ana Pontón pide a Feijóo que se reúna cos axentes sociais para evitar a venda das centrais do Xallas
  • “Desde o encontro de novembro pasaron moitas cousas como a imputación de Villar Mir na Operación Lezo e o ultimato de Ferroatlántica á Xunta”, alega
  • Reclama “máxima transparencia” e critica que se ignore ao comité de empresa “que leva meses petando na porta da Xunta”

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro cos alcaldes nacionalistas de Carnota, Mazaricos e Zas para visibilizar o apoio do BNG ás demandas do cadro de persoal de , que pasan por evitar a segregación e venda ilegal das centrais do Xallas anunciada polo grupo empresarial do agora imputado Villar Mir na Operación Lezo por presunto financiamento ilegal do PP.

“Pasaron moitos meses desde a última reunión en novembro de Núñez Feijóo cos alcaldes de todos os concellos implicados, o comité de empresa leva tamén meses petando na porta da Xunta par manter un encontro co conselleiro de Industria e como resposta so vemos un silencio que non axuda a calmar os ánimos senón que introduce máis incerteza sobre o futuro das plantas”, explicou Pontón tras o encontro.

Por iso, o BNG demanda do Goberno galego “transparencia”, que para a portavoz nacionalista “significa reunirse de novo con todos os axentes políticos e sociais da comarca e mandar unha mensaxe moi clara, a que están esperando miles e miles de persoas en todos os concellos afectados: Que as centrais do Xallas nin se venden, nin se segregan”.

Desde aquel encontro, Ferroatlántica anunciaba nos mercados internacionais a venda das centrais eléctricas, “a espera da autorización do Goberno”, ao tempo que enviaba un  ultimato á Xunta poñendo como data límite para esa autorización o 31 de maio.

“Urxe unha posición clara de Feijóo e dicirlle con rotundidade a Ferroatlántica que non fai falta que presente ningún documento de solicitude de autorización ante a Xunta, porque todo o mundo sabe que esa operación só ten como obxectivo que Villar Mir faga caixa coa venda dunhas centrais que son un ben público”, argumentou.

Pontón considera que se alguén tiña dúbidas quedaron despexadas coa imputación do empresario na Operación Lezo que investiga un caso de presunto financiamento ilegal do PP. “Fronte iso a Xunta ten que apostar pola máxima transparencia e por iso desde o BNG pedimos a creación dunha comisión de investigación que analice todas as concesións públicas ao grupo de empresas de Villar Mir, en particular os expedientes de concesión das centrais”, reclamou Pontón.

O BNG xa ten rexistrada unha iniciativa con esta demanda que será debatida no pleno parlamentario da vindeira semana.

“Consideramos, igual que os traballadores e traballadoras, igual que a veciñanza dos concellos afectados e igual que calquera persoa con sentido común que é unha vergoña que este empresario leve décadas facendo negocio coas centrais, mesmo hipotecandoas para conseguir cartos que despois investiu fora de Galiza, mentres as fábricas que ten aquí non teñen investimento algún e deixan que se deterioren xogando co pan de centos de familias”, concluíu a dirixente do Bloque.