Parlamento Galego

Ana Pontón: "Levaremos ao Parlamento a reprobación de Rajoy, tras coñecerse que ocultou información do accidente de Angrois"

  • Na primeira visita a Ourense tras o 25S coa deputada Noa Presas propón universalizar a escolarización de 0-3 anos como recurso co educativo

A portavoz nacional anunciou que o BNG levará ao Parlamento a cuestión da seguridade e do funcionamento do ferrocarril en Galiza para que a cámara se pronuncie sobre un servizo básico que ten causado dous accidentes moi graves en tres anos e despois de coñecerse que o Ministerio de Fomento ocultou información na investigación do sinistro de Angrois.

Por iso o Bloque levará este asunto ao Hórreo en canto se constitúa a nova Cámara. “É unha cuestión de suficiente calado para que, primeiro, todo o Parlamento se posicione a favor das vítimas e da verdade, segundo para que reclamemos unha investigación independente e terceiro, para que sexa unha cuestión de país mellorar as condicións de seguridade e de funcionamento do ferrocarril en Galiza”, sintetizou Pontón os seus argumentos.

A dirixente nacionalista cualificou de “indignante” o feito, publicado nos medios, de que Fomento estivese ocultando información relevante para aclarar o sucedido no accidente do Alvia, e lembrou que o BNG “sempre defendeu” o total esclarecemeneto da verdade e a obrigada de colaborar por parte de todas as administracións implicadas. Por contra, a ocultación do informe que agora se difunde evidencia Goberno “que claramente debe ter moito que ocultar”.

“Cantos informes máis oculta Fomento, canta información relevante para coñecer a verdade sigue secuestrada nas oficinas do ministerio?”, se preguntaba Ana Pontón.

A gravidade desta ocultación obriga ao Executivo en funcións, incluído o presidente, a dar explicacións, indicou, tras avanzar que o BNG vai propor que “un dos primeiros acordos da Cámara debe ser a reprobación de todo o Goberno do Estado por ocultar información relevante que podería deitar luz sobre as consecuencias do accidente de Angrois”.

Nesta lexislatura o Bloque quere lograr que o Parlamento “se poña do lado das vítimas” ao tempo que reiterou que a petición dunha comisión de investigación independente e, sobre todo, “que se adopten as medidas necesarias para que os trens que circulen por Galiza garantan a seguridade para as persoas porque dous accidentes graves en tres anos é un síntoma de alarma como para que se nos diga que aquí non pasa nada e se intente responsabilizar unicamente aos maquinistas deses trens”, concluíu.

Escolas infantís contra o despoboamento

Pontón facía estas propostas en Ourense, na que foi a primeira visita tras o 25S xunto coa deputada Noa Presas, na que deron prioridade ao incremento dos servizos públicos como mecanismo de benestar social e para atallar o grave problema do despoboamento que se ceba no interior da provincia.

En concreto, puxeron a acento na carencia de prazas en escolas infantís. “Traballaremos nesta lexislatura para incrementar o número de prazas de escolas infantís e que estas se integren en Educación e non se limiten a ser un recurso de conciliación senón tamén un recurso co-educativo porque é a única maneira de que o tramo de cero a tres teña cobertura universal en todo o territorio”, explicou Pontón.

Cun servizos públicos deficitarios redúcense as posibilidades de asentar poboación, polo tanto é tamén unha medida para apostar polo reequilibrio territorial e social. “Ten que haber unha aposta clara por recuperar os servizos públicos porque son os únicos que garanten que calquera persoa con independencia dos seus recursos teña acceso a unha escola infantil, que é un servizo básico de calquera parella ou de calquera home e muller que teñan un fillo ou unha filla”, explicou a portavoz nacional.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG