Galegas 2024

Ana Pontón: “Humildemente pido que me dean a oportunidade de ser presidenta para poñer en marcha unha Galiza mellor”

Acto Lugo
Acto Lugo

“A todas as persoas que queren cambio, dá igual o que votaran noutras eleccións, dígolles que este é o momento de apostalo todo ao BNG para derrotar ao PP”, asegurou

Convida á cidadanía de Lugo a ser protagonista do cambio enchendo as urnas de papeletas do BNG para dar ao interior do País máis oportunidades

A candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, pediulle aos galegos e as galegas “desde a humildade, que me permitan ser a súa presidenta e poñer en marcha unha Galiza mellor”. Así o afirmou no mitin en Lugo, onde se amosou convencida de que o cambio en Galiza non só é posible, senón que xa é imparable porque hai unha corrente de esperanza que medra día tras día en torno á candidatura do BNG.

“Hai un movemento imparable porque hai miles de persoas que están fartas de ver como Galiza perde e queren abrir un tempo novo poñendo en marcha unha Galiza mellor, facendo historia cunha presidenta coas mans libres para defender o País”, proclamou. “A min ninguén me vai poñer límites á hora de defender os intereses dos galegos e as galegas, eu ben sei a quen me debo”, engadiu no mitin da cidade das Murallas, no que tamén interveu a cabeza de cartel por Lugo, Olalla Rodil, e a candidata Montserrat Valcárcel.

Pontón apelou de novo á mobilización masiva e a concentrar o voto do cambio no BNG, a forza capaz de derrotar ao PP este 18-F. “Que nin un só voto do cambio quede na casa. Non se pode perder nun só voto”, recalcou, para a continuación insistir en que “da igual o que votaran noutras ocasións, este é o momento de que todas as persoas que queren cambio e queren abrir un tempo novo en Galiza aposten todo á papeleta do BNG”, dixo convencida de que o Bloque é, a menos dunha semanas das cita coas urnas, a forza que representa “a esperanza para todos os galegos e galegas que queren que Galiza empece a gañar”.

Acto Lugo
Acto Lugo

Na súa intervención Pontón aludiu ás declaracións do candidato Alfonso Rueda, que dixo que como o PP ten palabra non promete nada do que non pode cumprir. “Recordades cando en 2009 dicían que ían construír o Ave de Lugo a Ourense con cartos da Xunta?  Recordades cando dicían que se o PP gañaba se acababan os problemas en Alcoa? Recordades cando prometían rehabilitar a Tinería, construír vivenda pública nesta cidade, cando anunciaban o Museo da romanización ou a posta en marcha dun centro de emprendemento da industria aeronáutica porque Rozas ía ser a Citroen de Lugo?”, preguntou Pontón ao auditorio de Lugo.

“Menos mal que teñen palabra! Menos mal que só prometen o que poden cumprir”, ironizou a continuación a candidata nacionalista, para quen “o PP fixo da mentira a súa forma de facer política”. “Señor Rueda, tanta trola xa non cola”, afirmou.

Acto Lugo
Acto Lugo

Por iso, Pontón dirixiuse á maioría social que quere pasar a páxina da Galiza gris e en pequeno que deixa o PP, que xa demostrou que “non ten nin proxecto,  nin ideas nin ilusión” e, pola contra, se ten convertido nunha “rémora” para o País . Unha maioría de xente que quere cambio á que emprazou a votar masivamente ao Bloque para “facer historia” facendo que o País colla outro rumbo cara unha Galiza cun goberno, do BNG, que resolva os problemas e mellore a vida da xente.  

“Quero ser a presidenta dos galegos e das galegas para defender a sanidade pública, para poñer en marcha un novo modelo de coidados no que as persoas maiores poidan desfrutar desa etapa da vida  nas súa casa; para darlle oportunidades á xente nova para que teña futuro aquí e non se vexa na obriga de emigrar e para seguir construíndo unha Galiza que aposte pola igualdade e polo feminismo”, asegurou.

“Se queremos resultados diferentes, temos que apostar por algo diferente”, continuou Pontón, que asegurou que estes días ve aos dirixentes do PP “enfadados, preocupados e moi, moi nerviosos” ante o avance imparable do BNG, un PP que confía tan pouco no seu candidato que o esconde e non o mandan aos debates. “Confían tan pouco que ata mandaron reforzos”, dixo aludindo ao “turismo electoral” desta fin de semana.

“Pois aínda que traian a toda a Armada e a toda a artillería o l18 de febreiro van saber o que é perder unhas eleccións. Porque imos gañar”, proclamou Pontón, segura de que o 18F os galegos e as galegas van apostar por construír a Galiza en grande que propón o BNG.

Na cidade das Murallas, Pontón fixo un chamamento a todos os veciños e veciñas de Lugo para que o 18F sexan o motor do cambio que a Galiza do interior precisa cun goberno que aposte de maneira decidida pola cohesión territorial e a igualdade de oportunidades no conxunto do País.   

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG