Galegas 2024

Ana Pontón: “Galiza precisa un goberno que coloque a nosa lingua e a nosa cultura no máis alto”

Encontro cultura
Encontro cultura

Reivindica “a lingua que nos une como unha riqueza extraordinaria que nos permite desenvolver a cultura propia”. “O galego non ten límites nin fronteiras”, destaca

Propón como obxectivo destinar o 2% do orzamento a cultura, uns 300 millóns anuais, e que o 6 % do presuposto da CRTVG sexa para impulsar o audiovisual

A candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, comprometeuse este sábado a ser a presidenta dun goberno “que mire á nosa lingua e á nosa cultura con orgullo, poñéndoas no máis alto”. Así o asegurou durante a conversa que mantivo en Santiago co escritor Carlos Callón, a escritora Berta Dávila, o actor Monti Castiñeiras e o músico Mondra.

Un encontro que a candidata nacionalista aproveitou para reivindicar o galego como “a lingua que nos une e unha riqueza extraordinaria que nos permite desenvolver a cultura propia” e, ao mesmo tempo, “colócanos no mundo cunha ollada persoal e singular”. “Se podemos falar dunha cultura galega é porque temos un idioma noso que nos permite falar de ti a ti co resto de culturas do planeta”, afirmou.

“O galego non fronteiras nin ten límites”, continuou, como se comproba hoxe con dúas películas en galego competindo polos Goya, coa Cuncha de Ouro do Festival de Donosti, o  co “pelotazo musical” das Tanxugueiras e dos novos talentos musicais que enchen escenarios, como Fillas de Casandra ou o propio Mondra, exemplificou. Tamén, agregou, coa nosa literatura triunfando ao máis alto nivel en narrativa, en poesía ou teatro.  

Pontón subliñou que nun mundo globalizado ter unha lingua propia é “unha enorme oportunidade”, un valor engadido para nós e para achegar aos demais pobos e culturas do mundo. Porque o galego, engadiu, “universalízanos e colócanos no mundo con personalidade propia”.

O mesmo sucede coa nosa cultura, un valor que “nos enriquece” e que se nutre do “inmenso potencial dos nosos creadores e creadoras”. É por iso que se comprometeu, se os galegos e as galegas lle dan a confianza necesaria, a ser a presidenta que poña en valor a potencia creativa, proxectando desde Galiza “un discurso cultural propio, dun xeito plural e aberto”.

“A cultura galega vai ter en min unha aliada”

Destacou, neste sentido, que a cultura é un dereito que, ademais, xera riqueza, dinamismo económico e emprego, e de aí que un goberno do BNG porá en marcha un modelo cultura integral, apoiando o tecido empresarial galego e con financiamento público suficiente, explicou. “A cultura galega vai ter en min unha aliada porque quero ser a presidenta dun goberno que aposte pola nosa lingua e a nosa cultura en todos os eidos creativos”, garantiu.

Durante o encontro, Pontón propuxo como obxectivo do seu goberno destinar o 2 % do orzamento a investir en cultura, o que serían arredor de 300 millóns de euros anuais, triplicando os fondos que destina o goberno do PP, “que leva quince anos limitando o potencial da nosa lingua, da nosa cultura e dos nosos creadores e creadoras”, criticou.

Co BNG no goberno vaise impulsar tamén unha Lei galega de dereitos culturais, porque “queremos unha sociedade formada, participativa e crítica”, dixo a candidata nacionalista durante a conversa, na que apostou por fomentar o mecenado cultural con incentivos fiscais. Avanzou tamén que co BNG na Xunta haberá unha liña de crédito específica para proxectos culturais.

Pontón comprometeuse, por outra banda, a prestar atención prioritaria á situación socio laboral dos traballadores e traballadoras da cultura, e a crear bolsas e residencias literarias e artísticas par apoiar a creación de novos valores, tal e como se recolle no programa de goberno do Bloque.

Os medios públicos serán clave, proseguiu, para favorecer a difusión e a cultura galega, e para iso unha das medidas anunciadas pola candidata á Presidencia será destinar o 6 % do orzamento anual de RTVG a impulsar a creación audiovisual galega e en galego, especialmente o cinema.

A Galiza en grande que quere construír o BNG contempla unha folla de ruta coherente, dixo, de apoio a eventos culturais, buscando tamén a internacionalización e proxección da lingua e a cultura galegas. Nesa dirección, crearase o Instituto Rosalía de Castro e van ser recuperados os Premios Nacionais da Cultura Galega con dotación económica.

“Queremos poñer en marcha unha política cultura que englobe e arroupe a todos os ámbitos artísticos, desde a literatura ao cinema, desde a danza ao teatro, pasando pola música e calquera outra actividade creativa”, concluíu Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG