Ana Pontón fixa como claves do seu programa económico a aposta pola ciencia e un modelo enerxético ao servizo do País

Encontro Pontevedra
Encontro Pontevedra

A candidata á Presidencia márcase como obxectivo de goberno aumentar o peso da industria no PIB até 23 % e xerar 12.000 empregos no que queda de década

Presenta en Pontevedra o plan económico do BNG, pensado dende a ambición e a confianza no potencial do País para colocar Galiza entre as nacións máis avanzadas

Máis solo empresarial, a revitalización do medio rural e do sector do mar, e a modernización de infraestruturas, entre as medidas para modernizar a economía

“Logo de 43 anos de autonomía, o noso País está quedando atrás, moi lonxe da illa de estabilidade e de bonanza que nos pretende vender a propaganda do PP”

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, participou en Pontevedra nun almorzo-coloquio xunto a representantes do sector empresarial e dos sectores sociais, un acto no que avanzou as liñas estratéxicas e as prioridades do programa económico do BNG, entre as que destacou a aposta decidida pola ciencia, a reindustrialización e un modelo enerxético ao servizo do País.

Fronte ao conformismo e a resignación, Pontón apostou pola ambición e a confianza no potencial do País para por en marcha a transformación e modernización económica que precisa Galiza. “Colocar Galiza entre as nacións máis avanzadas é o gran reto que temos por diante e ao que me comprometo a partir do 18 de febreiro”, proclamou.

Ana Pontón
Ana Pontón

Apuntou así á reindustrialización como primeiro proxecto transformador no programa económico do BNG, que inclúe a posta en marcha dun plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial para incrementar en 8 puntos o peso deste sector no PIB -que hoxe supón menos dun 16 %- e xerar en torno a 12.000 empregos até o 2030.

U plan para a reindustrialización servirá, segundo explicou, para pechar ciclos produtivos e incrementar as cadeas de valor, cun impulso aos sectores tradicionais como a automoción, o naval, o textil o agro e o mar, pero tamén a outros con grande potencial de crecemento, como a biotecnoloxía, a cadea monte-madeira, as enerxías renovábeis ou a bioeconomía circular, entre outros.

A aposta decidida pola ciencia e a innovación como motor da economía galega é outra das claves para un goberno do BNG, avanzou a súa candidata, que lamentou que hoxe esteamos á cola en I+D+i e que mentres en Galiza hai cinco centros tecnolóxicos, só no Norte de Portugal funcionan 42.  Comprometeuse, neste sentido, a impulsar un pacto pola ciencia xunto a universidades, centros tecnolóxicos e clústeres co obxectivo de destinar o 3 % do PIB a este sector no horizonte de 2030, sumando iniciativa pública e privada. Co BNG liderando o Goberno galego, crearase tamén o Innogal, un instituto similar ao Ikerbasque ou o Icrea para captar financiación destinada a grandes proxectos que innoven e aporten coñecemento.

No que se refire ao modelo enerxético, o programa avanzado por Pontón inclúe a creación dunha empresa pública de enerxía e a tarifa eléctrica galega.  Trátase dun modelo posto ao servizo do País, da súa clase traballadora e as súas empresas, porque “non é aceptable un modelo deseñado a medida do lobby eléctrico, pensado para que unha presa de multinacionais teñan uns beneficios obscenos, mentres as nosas empresas pagan cada día máis pola enerxía lastrando a súa competitividade”, advertiu.

Fronte ao actual espolio dos recursos, no modelo enerxético do BNG a eólica será compatible co medio ambiente e co rural, e os novos parques estarán ligados a proxectos industriais para crear emprego, con participación pública e das comunidades locais.

O programa económico presentado por Pontón contempla a revitalización do medio rural e o sector do mar como outro dos eixos de acción. Neste eido, comprometeuse a mobilizar 100.000 hectáreas de terra agraria e un plan de recuperación e rexeneración das rías para recuperar a produtividade do sector mar-industria.

Gratuidade da AP-9 e impulso á mobilidade ferroviaria

Se os galegos e as galegos apostan por abrir un novo tempo no País da man do BNG, o próximo goberno creará máis solo industrial e apostará pola modernización das infraestruturas, defendendo a gratuidade da AP-9, impulsando a mobilidade ferroviaria, a coordinación dos aeroportos ou unha estratexia marítima e portuaria como claves para impulsar a competitividade da economía galega.

Para o BNG é prioritario mellorar as comunicacións con Portugal, impulsando a alta velocidade entre Vigo-Porto-Lisboa. “O futuro de Galiza pasa polo Altántico”, sinalou Pontón na exposición das súas prioridades no eido económico.   

Encontro Pontevedra
Encontro Pontevedra

Captación de investimento privado e mobilización do aforro galego

Ademais da confianza na potencialidade do País e o fortalecemento do autogoberno, Pontón expuxo como prioridades do BNG para a transformación económica a dispoñibilidade de máis recursos financeiros posto que, segundo explicou, a taxa de investimento en Galiza está hoxe “en niveis mínimos”. Para iso, comprometeuse como presidenta á posta en marcha dunha estratexia de captación de investimento privado, á “mobilización produtiva” do aforro galego e á creación dun Instituto Galego de Crédito.

“Atraer investimentos exterior e mobilizar os recursos que xera o País é un dos grandes desafíos que temos por diante”, asegurou a candidata do BNG, que considerou tamén “urxente” a modernización da administración para que esta funcione como “aliada” dos sectores económicos.

O proxecto nacionalista para modernizar a economía galega fixa ademais como obxectivos a transformación tecnolóxica e dixital, e unha reforma na educación para adaptar a capacitación profesional ás demandas do mercado de traballo, avanzou Pontón,  que advertiu de que “o noso País está quedando atrás, moi por debaixo do lugar que lle corresponde” e “moi lonxe da illa de estabilidade e de bonanza que nos pretende vender a propaganda oficial do PP”.

Fronte a esa propaganda, están os datos da evolución socioecómica de Galiza nos últimos quince anos, argumentou, aludido por exemplo á perda de poboación (105.000 persoas menos) ou aos 200.000 mozos e mozas que se viron obrigados a emigrar, provocando en plena crise demográfica que nacesen en Galiza 1.500 nenos ou nenas menos. Desde 2009, afondou, Galiza des-converxe coa UE e soporta unha evolución negativa do mercado laboral, perdeu máis de 23.000 autónomos e viu como se reduciu a taxa de investimento até situarse no 2022 6,5 puntos por debaixo da española e cada dez puntos por debaixo da europea.

“O balance destes últimos anos demostra que o goberno do PP non acertou nas decisións e que desde o goberno central e Europa se impuxeron medidas que xogaron en contra de Galiza”, concluíu Pontón nunha chamada a emprender a partir do 18-F un “cambio de rumbo” que, no plano económico,  permita a Galiza  “avanzar, modernizarse e medrar”.

Bará: “O País e o seu empresariado para un goberno do BNG”

O número un da lista por Pontevedra, Luís Bará, recoñeceu que o país vén duns anos complexos e dunha realidade cambiante, cun bucle de crise sanitaria, de prezos, e conflitos bélicos e que esa situación fixo cambiar a perspectiva “e resetearnos como persoas e país, pensando o futuro doutra maneira”, dixo, destacando que o BNG traballou para aproximarse á realidade económica e empresarial de país.

Subliñou que o Bloque, nestes anos, percorreu o país para coñecer e aprender do traballo bo que se estaba a facer e de novas solucións para mellorar Galiza. “Este labor de diálogo foi moi útil por tres razóns: para coñecer mellor o país, con toda a súa complexidade e riqueza, para romper tamén prexuízos e desconfianzas recíprocas, e para crear complicidades e confianza”, dixo.

Con este traballo feito, dixo o nacionalista, neste momento “o BNG está preparado para gobernar Galiza; o país e o seu empresariado están preparados para un goberno do BNG”, indicou. Insistiu en que ao empresariado “interésalle” un goberno que teña cabeza e corazón na defensa dos intereses do país da man de Ana Pontón.

Dela sinalou que “ está na plenitude vital e política, ten experiencia de anos de traballo, e capacidade para enfrontar dificultades no camiño, con liderado diferente, ilusionante, aberto e integrador. É capaz de tecer grandes acordos de pais e impulsar proxecto colectivo. Ten enerxía, paixón, e ten tamén determinación para abrir un novo ciclo na historia deste país”, finalizou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG