Galegas 2024

Ana Pontón: “Estamos moi cerca do cambio e é o momento de apostalo todo ao BNG para construír unha Galiza mellor”

Acto Vigo
Acto Vigo

Pide unha mobilización masiva o domingo e unir con ilusión todo o voto do cambio na papeleta do Bloque para facer historia coa primeira presidenta

Aposta por impulsar todo o potencial de Vigo como motor industrial do País e dotar a cidade de máis infraestruturas e mellores servizos públicos

“Estamos moi cerca do cambio”. Así o proclamou en Vigo a candidata nacionalista á Presidencia, Ana Pontón, quen animou a toda esa maioría social que quere deixar atrás 15 anos de “nefasto legado” do Goberno do PP a que acuda a votar masivamente este próximo domingo unindo todo o voto de cambio na papeleta do Bloque.

“Este é o momento de que todas as persoas que queren abrir un tempo novo en Galiza, votasen o que votasen noutras eleccións, aposten todo á papeleta do BNG”, asegurou no mitin de Vigo, convencida de que a súa formación representa “a ilusión e a esperanza” de toda a xente que quere construír unha Galiza mellor e con futuro para todos e todas.

Acto Vigo
Acto Vigo

Nun auditorio ateigado, a candidata á Presidencia apuntou á corrente de ilusión e de esperanza que se está concentrando arredor do BNG para a partir do domingo empezar a erguer “a Galiza que queremos e que soñamos”. Unha pulsión de simpatía e “de fame de cambio” que “medra día a día” e que dixo percibir en cada acto da campaña, na rúa e nas redes sociais.

Por iso, considerou clave “que ningún voto do cambio quede na casa, que ningún voto do cambio se perda o próximo domingo”, e que todo ese apoio se una na papeleta do Bloque porque o futuro de Galiza pode decidirse por uns poucos votos.

“Unha presa de votos pode determinar se o próximo presidente se apelida Rueda ou se a próxima presidenta se apelida Pontón”, afirmou para deixar claro que nestas eleccións só hai dúas alternativas: ou seguir cun PP que xa demostrou que “nin ten xestión que defender, nin proxecto que ofrecer” e que nos deixa un País “peor e máis pequeno”, ou abrir un tempo novo para “construír unha Galiza en grande”.   

Ana Pontón
Ana Pontón

“Desde a humildade, pídolles aos galegos e ás galegas que me permitan ser a súa presidenta, que me permitan demostrarlles que o podemos facer mellor e que podemos poñer en marcha unha Galiza de presente e de futuro”, apuntou apelando a toda a xente que está esperanzada co cambio.

Neste sentido, animou a esa maioría social a “facer historia” coa “primeira muller presidenta” e co “mellor goberno de todos os tempos”, con capacidade, con ambición e cun proxecto de País deseñado para “mellorar a vida da xente”, fronte a un PP que non só recortou nos servizos públicos en beneficio do sector privado, senón que, ademais, deixa 27.600 empregos destruídos na industria e 26.100 no sector primario, todo isto no medio dunha sangría demográfica, con 100.000 habitantes menos que en 2009.

“Eu quero ser a presidenta dos galegos e das galegas para defender a sanidade e a educación públicas, para poñer en marcha un novo modelo de coidados no que as persoas maiores poidan desfrutar desa etapa da vida nas súa casa; para darlle oportunidades á xente nova para que teña futuro aquí e non se vexa na obriga de emigrar e para seguir construíndo unha Galiza que aposte pola igualdade e polo feminismo”, destacou no mitin, no que tamén interviñeron o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, as candidatas Carmela González e Alexandra Fernández, e o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas. 

A líder nacionalista fixo un chamamento par “transformar en votos as ganas de cambio de toda a xente que quere que este País teña un goberno mellor”. “Se toda a xente que quere cambio une o seu voto no BNG, o 18 de febreiro o PP pasará á oposición e teremos unha presidenta que vai defender só os intereses dos galegos é as galegas”, resumiu. “Porque eu sei quen son, para que estou aquí e a quen me debo”, concluíu.

Acto Vigo
Acto Vigo

Sen límites desde Madrid para defender os intereses de Vigo e Galiza

Na súa intervención, Pontón destacou algunhas das medidas de goberno para Vigo e o conxunto da comarca que ten previsto desenvolver o executivo que aspira a presidir e entre as que destacou a mellora das infraestruturas, o reforzo dos servizos públicos, así como as centradas na revitalización económica. 

Neste sentido, avanzou que un Goberno BNG posibilitará que Vigo teña saída sur con Portugal e impulsará con toda a forza a conexión entre Vigo-Lisboa por alta velocidade. “Porque a diferencia do candidato ausente, a min ninguén desde Madrid me pai poñer límites á hora de defender os intereses de Vigo e de Galiza. Ninguén”, proclamou.

A candidata á Presidencia apuntou entre eses interese a necesidade de atender á xente moza que ten case imposible acceder a unha vivenda, pese a que a cidade e a súa área de influencia ten 40.000 vivendas baleiras. “Imos poñer en marcha un plan de compra masiva de vivenda baleira para ofrecela en réxime de aluguer a prezos limitados”, adiantou.

Porque quere ser a presidenta dun Goberno que poña ás persoas no centro, tamén recordou que, nos 100 primeiros días, aprobará un plan de rescate da Atención Primaria para reverter de forma progresiva os recortes e as privatizacións. “Temos que conseguir que Vigo deixe de ser a zona cero da desfeita sanitaria que nos deixan estes 15 anos do PP”, afirmou.

Por último, incidiu na necesidade de actuar para que Vigo, gran motor industrial do País, non siga perdendo posicións como aconteceu co goberno do PP, polo que avanzou o seu compromiso para revitalizar o sector naval e o da automoción “porque seguen a ser estratéxicos”.

Un goberno “aliado” da cidade e da comarca

Pola súa banda, o cabeza de lista, Luís Bará, afirmou que o cambio político na Xunta vai facer “que a primavera chegue adiantada o 18 de febreiro co voto masivo ao BNG e a presidencia de Ana Pontón” e recriminou ao PP os seus ataques “delirantes” pese aos que o Bloque seguirá facendo ata o último minuto unha campaña propositiva e en positivo.  

O BNG, destacou Bará, ten un gran proxecto para a cidade olívica que terá en Pontón e o seu goberno un “aliado”. Neste sentido, apostou por facer de Vigo a grande locomotora industrial de Galiza, un potente polo científico-tecnolóxico, ademais do grande porto do Atlántico e unha ponte fundamental na importante relación con Portugal.

O candidato nacionalista animou á xente que quere cambio a “dar un paso adiante” para “coller as rendas do País” e poñelo en marcha “despois de 15 anos de agonía e inercia” da man dun BNG que “ten proxecto, equipo e a mellor capitana” para situar Galiza no lugar que lle corresponde.

Por todo isto, pediu o voto a todas as viguesas e vigueses para concentrar todo o voto de cambio na papeleta do BNG, “na que cabe a inmensa maioría de Galiza”, todas as persoas “que lle queren e que aspiran a vivir nun País mellor”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG