Ana Pontón destaca o avance que supón para A Coruña o acordo do BNG co tren de proximidade e financiamento para o porto

Néstor Rego, Ana Pontón e Francisco Jorquera
Néstor Rego, Ana Pontón e Francisco Jorquera

Salienta a blindaxe da titularidade pública dos terreos portuarios liberados e a mellora da actual liña ferroviaria A Coruña-Ferrol co bypass de Betanzos

Rego: “O BNG logra cun deputado e unha senadora o que o PP non acada con 13 deputados e 14 senadores”

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou na Coruña xunto ao deputado Néstor Rego e o portavoz municipal, Francisco Jorquera, os beneficios do acordo de investidura do BNG para a cidade que, segundo salientou, recolle cuestións tan relevantes como a posta en marcha dun tren de proximidade na área A Coruña-Ferrol ou a blindaxe da titularidade pública dos terreos liberados do porto coruñés e a dotación de recursos públicos por parte do Estado para a súa transformación.

Pontón afirmou que co acordo “gaña Galiza e gaña A Coruña” e considerou fundamental a posta en marcha do tren de proximidade entre A Coruña e Ferrol na próxima lexislatura, “unha demanda histórica que vai beneficiar a unha área de máis de 300.000 persoas” e que vai contribuír non só a mellorar a mobilidade da xente senón a incrementar o dinamismo económico de toda a zona.

De igual xeito, salientou a mellora da liña actual entre A Coruña e Ferrol, coa posta en marcha do denominado bypass de Betanzos que suporá un importante avance na modernización deste servizo ferroviario. 

No ámbito da mobilidade, tamén puxo en valor os novos descontos nas peaxes da AP9 que suporán un importante beneficio para a comarca da Coruña e o conxunto do País, con descontos do 75% para as e os usuarios recorrentes, o que cualificou de moi relevante no contexto actual de crise de prezos, un desconto que Néstor Rego cuantificou nun aforro de máis de 200 euros ao mes “para as persoas veña habitualmente desde Santiago a Coruña”.

Sobre o porto da Coruña, a líder nacionalista recalcou que, grazas ao acordo logrado polo BNG, garántese que os terreos portuarios que se liberen serán de titularidade pública, “é dicir, propiedade de todas e todos os coruñeses”, e que non se vai poder especular con eles, ademais de acadar recursos públicos do Estado para a súa transformación. 

Pontón indicou que o acordo permitirá avanzar na modernización do porto e, por extensión da cidade, se ben advertiu que o Bloque seguirá reclamando a condonación da débeda do porto exterior, un problema creado por un goberno do PP que acabou cargando sobre o porto en vez de asumila como propia a pesar de que era unha decisión dun consello de ministros seu.

“Estaría ben que tivésemos algo de axuda porque o que quería facer o PP era vender unha parte do porto para financiar esa débeda que eles crearon e que agora tenten responsabilizar ao BNG desa situación é unha tomadura de pelo”, recriminou, para engadir a continuación que o Bloque está traballando para solucionar este problema e o que lle pide ao PP é que “se non pon solucións, polo menos que non poña paus nas rodas”.

Nesta liña tamén se manifestou Francisco Jorquera, quen salientou a asunción por parte do Estado do compromiso de “contribuír de xeito significativo ao financiamento da transformación dos terreos do porto interior, asegurando sempre o mantemento da titularidade pública dos mesmos”. Dito doutro xeito: o acordo garante que non haberá ningún pelotazo inmobiliario no porto e implicitamente abre a vía a condonación da débeda que pesa sobre a Autoridade Portuaria da Coruña.

Jorquera tivo tamén palabras para as críticas lanzadas desde o PP: “Critican que no acordo non está explicitamente a condonación. É unha lástima que esas voces críticas que se erguen desde o PP non se lembrasen de esixir a condonación durante os gobernos de Mariano Rajoy”.   

Pola súa banda, Rego incidiu en que o acordo “é o resultado do traballo en conxunto do BNG, que coloca sempre por diante os intereses do noso País” e subliñou que o pacto garante “a igualdade ao noso país cun impacto económico moi importante e que demostra que se non está o BNG ninguén se preocupa de Galiza”.

O deputado nacionalista argumentou que “é o BNG o que pon sobre a mesa a axenda galega que permite que Galiza avance e os galegos e galegas poidamos vivir mellor”. Nese sentido, evidenciou a “inutilidade do PP que gobernando Rajoy non conseguiu nada e agora con 13 deputados e 14 senadores tampouco” e concluíu que "o BNG logrouno cun deputado e unha senadora”.


 




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG