Ana Pontón denuncia que Galiza foi usada como moeda de cambio na trama Gürtel de financiamento do PP

Ana Pontón
Ana Pontón

Empresas citadas por Bárcenas realizaron ata 2.500 contratos co PPdeG: “É a conexión galega deste caso que salpica directamente a Feijóo”, alega

Pide que compareza sobre a AP9 e o plan de transporte “antes de irse de vacacións”

Ana Pontón denuncia que Galiza foi usada como moeda de cambio na trama Gürtel de financiamento do PP

A portavoz nacional, Ana Pontón,  denunciou a conexión galega da trama Gürtel de financiamento ilegal do PP que nin Rajoy “coa súa prepotencia” na comparecencia ante o tribunal, nin Feijóo coas “lamentables” declaracións xustificando esa actitude, teñen interese algún en aclarar.

“No PP non hai ningún interese en colaborar coa xustiza para esclarecer o seu financiamento ilegal e só pretendeN levantar un muro de ocultación para impedir que saibamos a verdade”, denunciou, tras salientar que a documentación do caso Gürtel “evidencia que Galiza foi usada como moeda de cambio polo PP coas empresas implicadas, xa desde as eleccións de 1999 con pagos en negro de actos de campaña a unha das empresas de referencia da trama, Especial Events”.

Neste sentido, explicou, que esta firma facturou 156.000€ por un asesoramento en materia de agricultura inexistente, testemuñas do caso computaron ata 1,8M€ en donativos opacos, e a Xunta asinou  2.500 contratos con 16 empresas citadas polo ex tesoureiro Bárcenas.

“Afecta ao PPdeG e salpica directamente a Feijóo que xa estaba a fronte do PP en Galiza, son moitas zonas escuras en relación co financiamento do PP e os seus vínculos en Galiza que deberían ser explicados e non pechalos en falso”, salientou Pontón.

Ferroatlántica

A dirixente do Bloque amosou a súa satisfacción polo resultado da mobilización social e política que impediu o espolio das centrais dos ríos Xallas e Grande, e afeou a resposta dada pola multinacional.

“É a propia de quen consideraba Galiza como a súa finca particular e reacciona con ameazas e chantaxe cando non se lle permite unha venda ilegal”, salientou, tras indicar que agora hai que esixir que os beneficios que se obteñen pola explotación das centrais revertan na modernización das plantas de Ferroatlántica na Costa da Morte e en crear emprego, e non como ata agora no que os beneficios obtidos pola explotación dos nosos ríos “serviron para construír urbanizacións en Madrid”.

O BNG pide a remisión do informe da Xunta ao Parlamento que, confía, “blinde” as centrais contra calquera outro movemento especulativo da multinacional.

Deputación permanente

De cara á reunión do máximo órgano da Cámara fora do período de sesións, Pontón considera que Feijóo ten que comparecer “antes de irse de vacacións” en dúas cuestións tan relevantes como a transferencia da AP9 e a situación do transporte público, en concreto as repercusións que o plan da Xunta terá no transporte escolar.

“Estamos falando dun servizo público que afecta á mobilidade das persoas, e estamos a falar do transporte dos e das escolares porque os nenos e as nenas van viaxar en liñas regulares ao desaparecer o servizo escolar tal e como se viña prestando, e por iso pedimos ao Goberno diálogo para evitar o empezar o curso escolar cunha nova folga no transporte”, explicou.

O Bloque reclama transparencia e coñecer toda a información sobre as empresas que se presentaron ao concurso das liñas, cales foron convidadas e en base a que criterios se adxudican os contratos.

En relación a AP9, Feijóo ten que deixar clara cal é a súa estratexia en relación a petición desta transferencia, como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes. “Vai seguir sumando escusas ou vai defender unha petición unánime da Cámara”, interpelou Pontón.