galegas 2024

Ana Pontón: “A Coruña será clave no cambio e se toda a xente que quere un País mellor vota BNG, o domingo faremos historia”

Ana Pontón na Coruña
Ana Pontón na Coruña
Anima a unha gran mobilización nas urnas e a concentrar o voto na papeleta do Bloque para poñer en marcha unha Galiza mellor para todos e todas 

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, pediu aos coruñeses e ás coruñesas que este próximo domingo “se mobilicen” nas urnas “porque A Coruña vai ser clave no cambio”. “Se A Coruña vota polo BNG, se toda a xente que quere un País mellor vota polo BNG, o 18 de febreiro faremos historia e teremos por primeira vez a unha muller presidenta”, proclamou.

Ante a corrente de “enorme ilusión” que percibe arredor do Bloque, a candidata nacionalista afirmou que hai unha maioría social que quere abrir un novo ciclo político e mostrou o seu convencemento de que se “todas as persoas que soñan cunha Galiza mellor” acoden ás urnas este domingo e unen todo ese voto de cambio na papeleta do BNG, “imos ser imparables, imos facer historia e imos ter por primeira vez unha muller presidenta coas mans libres” para defender os intereses dos galegos e das galegas.

Logo de manter un encontro cos membros da candidatura da Coruña, encabezada por Mercedes Queixas, Pontón dirixiuse de xeito especial a “toda esa xente que está indecisa, que a día de hoxe non sabe que votar” para animala a participar o domingo no proceso electoral e a que “colla con ilusión a papeleta do BNG porque imos estar á altura da súa confianza”.

“Somos a candidatura do cambio”, sintetizou para explicar que o proxecto nacionalista pasa por construír unha Galiza onde “defendamos os servizos públicos, onde a xente moza teña oportunidades, onde enfrontemos o problema da falta de acceso á vivenda e onde apostemos polo emprego de calidade, pola ciencia e pola innovación”.

Pontón apelou a que “todo o voto inconformista” se una no Bloque porque “é a mellor opción para que o próximo 18 de febreiro teñamos motivos para sorrir” e abrir un tempo novo que deixe atrás os 15 anos dun Goberno do PP “que fixo que Galiza perda”. “Porque perdemos servizos públicos, poboación, mocidade, peso no Estado e temos que empezar a gañar” dixo para subliñar que “a papeleta para que os galegos e as galegas gañen é a papeleta do BNG”.

A preguntas dos medios de comunicación, a candidata nacionalista contrapuxo a campaña electoral propositiva, de ilusión, esperanza e “en positivo” desenvolvida polo Bloque fronte a un PP “que en vez de explicar o seu programa, se dedicou a atacar con mentiras e falsidades ao BNG”.

Neste contexto, considerou estas eleccións como unha oportunidade tamén para “desterrar a mentira como forma de facer política e a descualificación como maneira de entender o contraste de ideas”.

“Quero ser a presidenta que lle diga sempre a verdade aos galegos e ás galegas”, proclamou para avogar pola defensa lexítima das ideas de cada quen "sen necesidade de caer na difamación que estamos vendo estes días no Partido Popular”.

Neste sentido, atribuíu a actitude do PP nesta campaña ao seu “nerviosismo”, convencida de que as enquisas “lles dan moito peor do que a nós nos pode parecer”, e explicou que cando unha organización como o Partido Popular “ten que facer esa campaña é porque alguén premeu o botón do pánico na súa sede”. “Fronte a isto, nós o que temos é ilusión, esperanza e ganas de mellorar a vida da xente deste País”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG