parlamento galego

Ana Pontón contrapón o modelo eólico do BNG a favor de Galiza co modelo do PP que da barra libre ao espolio das eléctricas

Propostas: plan eólico adaptado ás necesidades do País, declarar o vento ben público, empresa de enerxía 100% pública e tarifa eléctrica galega

“Son as propostas que adoptaría unha presidenta do BNG, pero temos un presidente do PP que actúa como comercial do lobby eléctrico”, lamenta

A portavoz nacional, Ana Pontón, utilizou a sesión de control para contrapoñer o modelo eólico do BNG, que defende que a riqueza eléctrica de Galiza debe poñerse ao servizo do País, versus o modelo do PP, que auspicia un bum eólico depredador para que as eléctricas obteñan beneficios multimillonarios mentres aquí se pagan os custes sociais e ambientais.

“O Partido Popular leva catorce anos gobernando para o lobby eléctrico: empezaron abrazados con entusiasmo ao presidente de Iberdrola, a continuación cargáronse con mentiras o plan eólico que daba á Galiza o 14% dos beneficios de todos os parques; seguiron co veto á tarifa eléctrica galega impedindo abaratar a factura da luz e despois agasallaron ás eléctricas con 1.600 millóns de euros, incluída Greenalia, onde está recolocada a través das portas xiratorias a ex concelleira do PP Beatriz Mato”, denunciou Pontón.

Claro que o BNG defende as renovables, déixese de bulos señor Rueda

Fronte a un Goberno do PP que alimenta o espolio, o Bloque defende un modelo eólico e unha transición enerxética “xusta e democrática”, e instou ao presidente da Xunta a deixar de lado “o simplismo” nun debate de tanto calado.

“Claro que o BNG defende as renovables, déixese de bulos señor Rueda”, subliñou, indicando que o que esta sobre a mesa son dous modelos radicalmente opostos de como aproveitar a riqueza eléctrica de Galiza.

“Por un lado está o modelo do PP, que consiste en barra libre para ás eléctricas para que unha presa de multinacionais se forran mentres para Galiza quedan as migallas e todos os custes ambientais e sociais”, indicou. Só tres multinacionais, Iberdrola, Endesa e Naturgy obtiveron 8.530 M€ de beneficios en 2022, un 31% máis que no ano anterior, compañías que en Galiza acaparan o 60,5% da potencia eólica e hidráulica instalada.

O BNG defende algo tan sinxelo e tan xusto como que a riqueza eléctrica favoreza ás familias, á clase traballadora e ás empresas

O modelo do BNG, explicou Pontón, “defende algo tan sinxelo e tan xusto como que a riqueza eléctrica favoreza ás familias, á clase traballadora e ás empresas”. E dentro dese modelo, a líder nacionalista puxo sobre a mesa catro propostas concretas: Plan eólico deseñado a favor de Galiza, declarar o vento como ben de dominio público evitando que as concesións dos parques sexan infinitas, tarifa eléctrica galega e empresa de enerxía cen por cen pública.

“Estas son as medidas que tomaría unha presidente da BNG, pero temos a un presidente do PP empeñado en facer de comercial do lobby eléctrico”, denunciou. Neste sentido, Pontón ironizou sobre o anuncio do xefe de Executivo de crear unha empresa pública, “porque o rigor é tal que o señor Rueda nin sequera foi capaz de explicar cal vai ser a participación da Xunta nesa empresa, anunciada ademais despois de ter aprobado o reparto de 77 parques eólicos dunha tacada”.

O único que quedou claro tras ese anuncio foi a intención do Goberno de Rueda de que na xestión da riqueza eólica de Galiza non haxa vencedores nin vencidos, unha intención á que replicou a líder nacionalista: “O BNG quere que haxa vencedores, claro que si, queremos que, por unha vez, os galegos e as galegas venzan ás eléctricas”.

Ademais dun anuncio sen concreción nin solvencia, o PP tamén proclama a creación de miles de postos de traballo vinculados ás renovables, pero a realidade é que Galiza perdeu 20.700 empregos no sector industrial desde 2009 e que están pechando as poucas empresas do sector en pleno bum eólico: pechou Gamesa, 220 empregos perdidos; pechou Vestas, 155 empregos menos e están en risco máis de 500 empregos en Ganomagoga e Gri Towers. Por contra, Madrid, sen un só eólico, ganou 13.200 postos de traballo na industria.

“O que debería ser unha gran oportunidade para Galiza estana convertendo nunha gran estafa, unha gran estafa ao medio rural, ao medio ambiente e biodiversidade e unha gran estafa á maioría social”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG