Galegas 2024

Ana Pontón comprométese a declarar A Coruña zona tensionada para limitar os prezos do aluguer e facilitar o acceso á vivenda

Ana Pontón
Ana Pontón

Anuncia un plan de compra masiva de vivenda baleira para poñer eses pisos no mercado a prezo limitado que familias e mocidade poidan pagar

Ante a carestía da vida: baixar o IVE dos alimentos básicos, gratuidade dos libros de texto e bono transporte para axudar ante a suba de prezos

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, presentou na Coruña as propostas de goberno do BNG para axudar ás familias a afrontar a suba de prezos, entre as que destacou as que ten previsto desenvolver en materia de vivenda, unha das grandes preocupacións dos e das coruñesas e da cidadanía en xeral,  sobre todo da xente moza, para a que o acceso á vivenda estase a converter nunha misión practicamente imposible.  

Pontón avanzou como medida a posta en marcha dunha regulación propia que permita que todos aqueles concellos de máis de 10.000 habitantes que sufriran un incremento do 20% no prezo do aluguer nos últimos cinco anos “poidan ser declaradas zonas tensionadas e isto supoña unha limitación aos prezos do aluguer”, tal e como demanda o concello da Coruña.

“Como presidenta declararei A Coruña zona tensionada”, comprometeu, porque o dereito das persoas a ter unha vivenda digna “ten que estar por diante”, subliñou, nun contexto no que o prezo do aluguer non deixa de medrar deixando fora dese dereito a moitos coruñeses e coruñesas.

En materia de vivenda, o programa de goberno do Bloque propón aumentar  en 12.000 vivendas o parque público actual ao longo dos próximos oito anos, principalmente a través dun plan de compra masiva de vivenda baleira  para poñer no mercado en réxime de aluguer a prezos limitados.

Neste sentido, apuntou que existe actualmente en Galiza hai 500.000 vivendas baleiras, das que 90.000 están concentradas nas grandes cidades,  e explicou que a adquisición masiva por parte da Xunta desa vivenda xa construída é unha opción “moito máis rápida e máis sustentable”.

“Isto permitirá que moitas familias poidan ter unha vivenda a un prezo que sexa razoable e acorde coa media dos salarios”, afondou, e porá fin a 15 anos nos que o PP non fixo máis que “dinamitar” a política de vivenda pública.    

Nunha visita ao mercado municipal de Elviña, Pontón avanzou tamén as medidas fronte á carestía da vida, como a proposta de baixar o IVE dos alimentos básicos, -como carne e peixe-, a gratuidade dos libros de texto e un bono transporte de 30 euros ao mes para axudar ás familias a chegar a fin de mes.

“No BNG seguimos empeñados en falar dos problemas reais da xente deste País, das cuestións que impactan de cheo na vida dos galegos e das galegas”, contrapuxo fronte ao intento doutras forzas de estatatalizar a campaña con cuestións alleas aos preocupacións da maioría social. “Moitas familias están tendo problemas porque os salarios non dan máis de si mentres soben a cesta da compra, as hipotecas, os carburantes ou os prezos da vivenda”, subliñou durante a visita ao mercado, na que estivo acompañada pola cabeza de cartel pola Coruña, Mercedes Queixas.

Neste sentido, avanzou que unha das primeiras medidas que porá en marcha como presidenta será a gratuidade dos libros de texto para axudar ás familias de cara ao inicio do curso escolar, facilitando un aforro importante ás familias.  Co BNG liderando o goberno, a gratuidade comezará a aplicarse xa a partir do vindeiro curso.

Pontón comprometeuse tamén a recuperar a tarxeta básica para axudar as familias con menos recursos na compra de alimentos e medicinas. “Mentres lle baixaba os impostos en 34 M€ ás 7.700 persoas con máis patrimonio de Galiza, o PP suprimiu esta tarxeta básica, que o BNG vai reactivar”, subliñou Pontón, incidindo en que quere ser a presidenta dun goberno que poña á xente no centro das súas políticas.

Alimentos, luz, gas

Neste mesmo sentido, avanzou que como presidenta negociará a rebaixa do IVE nos produtos de alimentación básica, como a carne ou o peixe, un IVE superreducido do 4% que o BNG pedirá que se aplique tamén á factura do gas, negociando ademais que a baixada neste imposto se manteña de xeito permanente na da luz.

Subliñou, a continuación, que unha das medidas prioritarias do seu goberno será precisamente a creación dunha tarifa eléctrica galega para ter unha factura da luz máis barata, como ocorre xa noutras países de Europa que teñen unha factura máis barata naqueles territorios que, como Galiza, son produtores de electricidade.

En relación ao bono transporte vai permitir viaxar en transporte público, xa sexa en tren, autobús ou transporte de ría. “Con este bono imos adaptar as tarifas do transporte público en Galiza ás que xa existen en Europa, axudando ás familias, e tamén promoveremos unha mobilidade máis sostible”, salientou.

“A cidadanía ten dereito aos debates”

Por outra banda e a preguntas dos medios, Pontón volveu reclamar ao candidato do PP, Alfonso Rueda, que se deixe de escusas e acuda tanto ao cara a cara coa líder da oposición como ao resto de debates aos que sexa convocado.

Logo de recordar que o BNG xa confirmou a súa presenza tanto no cara a cara proposto pola Cadena Ser, como no debate a tres proposto por TVE, a candidata nacionalista preguntouse “por que o PP segue escondendo ao seu candidato e por que alguén que quere presidir a Xunta lle dá plantón aos galegos e ás galegas”.

“É unha falta de respecto á cidadanía, que ten dereito a ese debate e a ese contraste de proxectos e ideas”, afirmou para pedirlle unha vez máis ao PP que se deixe de escusas e que acuda aos debates aos que está convocado. “Un candidato á Presidencia da Xunta non ten nada máis importante que facer nunha campaña que asistir aos debates aos que se lle convoca”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG