galegas 2024

Ana Pontón comprométese a activar a intervención pública de Alcoa para salvar a actividade e o emprego da factoría

Ana Pontón
Ana Pontón

Defende a intervención conxunta de Xunta e Estado para despexar dunha vez por todas o futuro da planta, tal e como fixo Italia co seu propio sector

“Levamos moito tempo perdido por responsabilidade dos gobernos de PP e PSOE e non se lle pode seguir tomando o pelo nin a Galiza nin aos traballadores e traballadoras”, recalca

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, comprometeuse hoxe, se obtén a confianza dos galegos e das galegas o próximo 18F, a poñer en marcha a intervención pública de Alcoa para salvar a actividade e o emprego da factoría.

Na presentación en Pontevedra da alternativa económica de goberno do BNG, que inclúe un Plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial para “reindustrializar o País” incrementando en oito puntos o peso da industria no PIB, Pontón advertiu que “para poder avanzar, o que non podemos é perder o tecido empresarial que temos”.

Neste sentido, mostrou a súa preocupación pola situación que vive Alcoa, a “única factoría de produción de aluminio do Estado”, e anunciou que se os galegos e as galegas lle dan a súa confianza para ser presidenta defenderá unha solución para a planta.

“E neste momento -avanzou- isto pasa por que haxa unha intervención pública da Xunta e o Estado, unha intervención conxunta entre ambas Administracións” coa que se despexe “dunha vez por todas” o futuro da factoría “tanto en termos de produción como de emprego”.   

A líder nacionalista recordou que Italia “salvou o seu sector” grazas a unha intervención pública que lle permitiu solucionar “este tipo de vaivéns derivado do deseño dunha multinacional” para logo buscar unha empresa solvente coa que poder xestionar ese sector.

“O que non podemos permitir baixo ningún concepto é que Alcoa peche”, subliñou, porque segundo advertiu, “sabemos que logo non imos ser capaces de recuperala”, polo que reiterou o seu firme compromiso para poñer en marcha esa intervención pública co obxectivo de “salvar o emprego e a actividade económica”. 

Logo de considerar “evidente dende o primeiro minuto” que Alcoa quería pechar, Pontón denunciou que “levamos moito tempo perdido por responsabilidade dos gobernos do PP e do PSOE”, polo que concluíu que “non se lle pode seguir tomando o pelo nin a Galiza nin aos traballadores e traballadoras desta empresa”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG