galegas 2024

Ana Pontón compromete un goberno xusto con Carballo que porá en marcha as infraestruturas polas que leva esperando 15 anos

Carballo
Carballo
Avanza que un Executivo BNG impulsará a circunvalación, ampliará o polígono empresarial e completará a rede de saneamento da localidade

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, comprometeuse a presidir un goberno que cumpra con Carballo a partir do próximo 18 de febreiro para “deixar atrás 15 anos de discriminación” dun executivo do PP que exemplificou nesta localidade o “uso clientelar” que fai da Xunta.

Pontón, que visitou Carballo acompañada do alcalde, Evencio Ferrero, e do candidato pola comarca, Daniel Pérez, avanzou que o Goberno que aspira a presidir atenderá as necesidades dos seus veciños e veciñas, como o impulso da tan demandada circunvalación, a ampliación do polígono empresarial ou o saneamento na zona da costa.

Actuacións todas elas que considerou claves para o desenvolvemento económico da localidade, a atracción de novas empresas para xerar máis riqueza e emprego no conxunto da comarca e dotar á veciñanza de algo tan básico como “servizos á altura do século XXI”.

A candidata nacionalista recordou que Carballo viviu a súa maior transformación da man dun goberno do Bloque, un proceso transformador que non só non foi acompañado polo executivo do PP na Xunta, senón que, ao contrario, os seus veciños e veciñas sufriron o seu trato discriminatorio durante 15 anos nos que nunca cumpriu a súa palabra.

Esta é unha das cuestións que Pontón cambiará se obtén a confianza dos galegos e das galegas o próximo 18 de febreiro dentro do seu firme compromiso coa rexeneración democrática. “Creo nunha maneira de facer política que é a de tratar ás persoas por igual e aos concellos por igual”, afirmou para avogar por erradicar as políticas destes 15 anos do PP “onde vimos un uso clientelar da Xunta”.   

A líder do BNG visitou Carballo despois de non poder asistir ao mitin celebrado onte na localidade debido á súa participación no debate electoral convocado por TVE, unha “obriga” que considerou común a todos os candidatos e candidatas que se presentan a unhas eleccións xa que os debates son un dereito da cidadanía.

“Todo o contrario do que fai nada máis e nada menos quen é actualmente o presidente e que debería estar dando a cara para explicarlle aos galegos e ás galegas cal foi a súa xestión”, recriminou ao candidato do Partido Popular, Alfonso Rueda.

Pontón atribúe a negativa do PP e do seu candidato a acudir aos debates electorais a “unha xestión que non se sostén” e a ausencia dun proxecto de futuro. Cando non se ten ningunha das dúas cousas, “o máis fácil é esconderse como está facendo o PP co seu candidato”, criticou.

En todo caso, e ás portas dunhas eleccións que considerou “decisivas”, a candidata do Bloque fixo un chamamento a todas as persoas que queren pasar páxina aos 15 anos dun Partido Popular que deixa unha Galiza peor e máis pequena, que vote este domingo 18 “para que ningún voto do cambio quede na casa” e una todo ese apoio na papeleta do BNG, a alternativa real para construír unha Galiza mellor e en grande.

“Estamos moi cerca e creo que moi poucos votos poden facer que a balanza se decante para un lado ou para outro”, animou logo de lembrar que o que nos xogamos este próximo domingo “é se o próximo presidente se apelida Rueda, ou se a próxima presidenta se apelida Pontón”. “Se seguimos cun goberno que nos deixa atrás ou se abrimos un tempo novo cheo de ilusión e tamén con ambición de País”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG