Municipais 2023

Ana Pontón coloca os gobernos municipais de éxito do BNG como a mellor credencial para lograr un resultado histórico o 28M

Acto Lalín
Acto Lalín

Lémbralle a PP e PSOE que o 28M non vai de Feijóo-Sánchez, nin é a previa da liga estatal, vai da veciñanza elixindo alcaldes e alcaldesas

“Quero construír unha Galiza en grande, concello a concello”, recalca

Primeiro mitin de campaña en Lalín, onde a portavoz nacional, Ana Pontón, puxo o modelo municipal de éxito do BNG como o mellor aval para pedir a confianza da veciñanza o 28M e estender ese modelo de prestixio por toda Galiza. “No BNG queremos construír unha Galiza en grande concello a concello”, proclamou.

“Presentámonos a estas eleccións co orgullo de poder dicir que temos un modelo municipal que funciona, que transforma a realidade, que mellora a vida das persoa e que converte concellos antes decadentes en referentes de calidade dentro e fora do País”, explicou na capital do Deza, “porque os nosos alcaldes e alcaldesas non están aí para quentar a cadeira, senón para suar a camiseta!”.

Pontón considera que hai dúas cuestións que fai dos gobernos municipais nacionalistas un exemplo de calidade. A primeira, que o Bloque pensa Galiza e os concellos en grande, “sen poñerse límites”; segunda, o amor e a confianza no País. “O meu soño é facer realidade esa Galiza en grande como xa facemos nos concellos onde gobernamos”, proclamou a portavoz nacional.

Neste sentido, Pontón defende unha Galiza grande na sanidade, fronte a un Goberno do PP convertido nun perigo para a saúde da cidadanía, “quero construír unha Galiza cunha sanidade forte e libre de recortes, devolverlle á sanidade pública os 2.339 millóns de euros en atención primaria suprimidos polo PP desde 2009”. A líder do Bloque tamén quere unha Galiza en grande que aproveite a súa riqueza eléctrica.

“Fronte a un PP e a un PSOE que apoian o espolio eólico por terra e agora tamén por mar, o País que quero liderar colocará a riqueza eléctrica a favor de Galiza, apostando pola transición enerxética, pero xusta e democrática, que beneficie á maioría social frote a un PP que Goberna para ao lobby eléctrico.

Neste sentido, lembrou a foto do abrazo de Feijóo co presidente de Iberdrola, “toda unha declaración política, porque dime a quen te abrazas e dígoche para quen gobernas”, destacou, sinalando que o álbum de fotos de Feijóo “é para enmarcar”.

“Agora andan en Madrid decaídos e decepcionados co presidente do PP, debían pensar que con el chega a Madrid un gran estadista, o prodixio dos Peares”, ironizou, pero quen chegou foi o Feijóo “que cala ante a cachada de Baltar conducindo a 215 quilómetros hora un coche oficial o domingo, e seguro que tamén vos preguntades, de que teñen tanto medo Feijóo e Rueda que non din nin pío?”.

Un Rueda  de quen dixo que “senón é capaz de dirixir e de poñer orde non seu propio partido, moito menos pode dirixir Galiza, por iso leva meses facendo oposición ao BNG e a min como portavoz, demostrando que sabe perfectamente que ese será o lugar que ocupe cando a cidadanía poida opinar nas urnas e facer historia cunha muller como presidenta do País”.

Pontón tamén quere construír unha Galiza en grande para a mocidade, “acabar dunha vez por todas coa sangría da emigración, darlle a xente nova traballos dignos que lle permitan desenvolver os seus proxectos de vida aquí, en Lalín, ou en calquera outro concello do País”.

“Sei que esa Galiza en grande é posible e quero facela realidade, no BNG queremos facela realidade, e esa Galiza en grande vai empezar a construírse concello a concello a partir do 28M”, recalcou, ao tempo que criticaba o intento das estatais de facer dos concellos “o seu partido previo da liga estatal”.

“Que non nós tomen por parvos repetindo en Galiza os seus pim-pam-pums madrileños, porque o 28M non vai de Feijóo nin vai de Sánchez, vai dos veciños e  veciñas elixindo aos seus alcaldes e alcaldesas”, subliñou. Pontón instou á militancia e simpatizantes a aproveitar ao máximo a campaña, “porque imos a por todas, sen poñernos límites, porque saímos a ganar esa Galiza en grande que queremos empezar a construír concello a concello”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG