parlamento galego

Ana Pontón: “Co goberno do PP Galiza está quedando atrás tamén no sector da industria que perdeu 20.700 postos de traballo”

Ana Pontón
Ana Pontón

Propostas do BNG: Plan de reindustrialización, aposta pola ciencia co INNOGAL, instituto de crédito e poñer a riqueza eléctrica a favor do País

Pregunta ao presidente da Xunta polo custe da súa viaxe a Latinoamérica e demanda que explique cales son os beneficios para o sector industrial

“Vaille pedir responsabilidades a Baltar ou non pode?”, interpela Pontón a Rueda tras coñecerse que o líder do PP en Ourense conducía a 215 Km/h

A portavoz nacional, Ana Pontón, utilizou a sesión de control para facer un repaso á crítica situación que vive a industria tras catorce anos do Goberno do PP, pese a ser un sector estratéxico e de futuro. “Galiza está quedando atrás tamén no sector industrial pola falta de proxecto do Partido Popular nesta materia”, sentenciou.

Pontón botou man dos datos para radiografar a situación do sector industrial, datos que contrastan coa realidade paralela que o Executivo do PP quere impoñer con anuncios e propaganda.

“Propaganda como a que en 2014 levaba ao PP a anunciar a  creación de 50.000 postos de traballo até o 2020. Sabe cal é a realidade señor Rueda? Que Galiza perdeu 20.700 empregos no sector industrial. Propaganda, como cando fixaron como obxectivo colocar o peso da industria no 20% do PIB, pero a realidade é que hoxe a industria é o 15,5% do PIB, menos que cando facían este anuncio publicitario”, alegou a líder do BNG.

Galiza está á cola en competitividade, como recolle o último informe da Comisión europea; o índice de produción industrial caeu un 1,5% en 2022 cando no Estado subiu un 2,4% e o investimento estranxeiro no último ano caeu un 32%, mentres que a media estatal subiu un 14%.

“Esta é a realidade grazas a un Goberno do PP que nos ten dado grandes exemplos de cal é a súa política industrial, entre eles o fiasco de PEMEX, esa gran operación industrial anunciada en plena campaña electoral que rematou con case todos os seus protagonistas acusados de corrupción”, ironizou Pontón, “así foi como rematou a viaxe do señor Feijóo a México e pregúntome como vai rematar a súa recente viaxe a México, señor Rueda?”.

Neste sentido, a líder do Bloque interpelou ao xefe do Executivo polo custe da súa recente xira por Latinoamérica: “Canto nos costou aos galegos e galegas esa viaxe? Pode dicirnos cales foron os acordos económicos logrados e que beneficios obtivo a nosa industria da súa recente viaxe ás américas? Pregunto porque o único que deducimos das imaxes e das notas de prensa oficiais é que repartiu moitas gorras do Xacobeo e que usou como reclamo empresarial o espolio eólico do noso mar”, subliñou na súa intervención. “Sabe cal é o problema señor Rueda? Que as politicas do PP son unha arma de destruccion masiva da nosa industria”, sentenciou.

Ante a falta de estratexia industrial do PP, Pontón puxo sobre a mesa algunhas das propostas do Bloque: Aposta pola ciencia e a innovación coa creación do INNOGAL para lograr un sector industrial potente e de vangarda; converter o IGAPE nu auténtico instituto galego de crédito e un plan de industrialización co obxectivo de elevar o peso da industria ao 25% do PIB en 2030. Tamén unha empresa de enerxia 100% pública e unha tarifa eléctrica galega que poña a riquez eléctrica ao servizo da industria, concluíu.

Rueda mutis ante Baltar

Pontón arrancou a sesión de control  preguntando a Rueda pola súa posición en relación ao presunto delito cometido polo presidente da Deputación de Ourense e do PP ourensán, Manuel Baltar, ao ser sorprendido pola Garda Civil conducindo un coche oficial a 215km/h.

“Vai esixirlle responsabilidades ao señor Baltar por un suposto delito contra a seguridade viaria?”, preguntou Pontón, indicando que “os cargos públicos temos que dar exemplo e ir a máis de 200km/h non é ningún exemplo, ao contrario, é un perigo para a seguridade viaria. Por iso, vai pedirlle responsabilidades a Baltar ou é que non non ten autoridade para facelo”, interpelou a líder do BNG a Rueda, que eludiu dar ningún tipo de resposta.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG