Galegas 2024

Ana Pontón: “A clave para que o 18F fagamos historia e por primeira vez teñamos unha presidenta é unir o voto do cambio no BNG”

Luís Bará, Ana Pontón e Miguel Anxo F. Lores
Luís Bará, Ana Pontón e Miguel Anxo F. Lores

Apela ás mulleres a ser motor do cambio apoiando masivamente ao Bloque para “entrar todas pola porta da Xunta” e que Galiza avance en igualdade

“A clave para que o 18 de febreiro fagamos historia e por primeira vez teñamos a unha presidenta é que todo o voto do cambio se una no BNG”, asegurou a candidata á Presidencia, Ana Pontón, durante  súa visita este xoves á cidade de Pontevedra, onde estivo acompañada polo cabeza de cartel, Luís Bará e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Unha visita no penúltimo día de campaña que Pontón aproveitou para facer unha chamada á mobilización masiva do voto inconformista sumándose á corrente de ilusión e esperanza que medra cada día en torno ao Bloque. “Estamos nun momento decisivo” e por iso é importante “que ningunha persoa que quere cambio se quede na casa, que non se perda ningún voto” para, da man do  BNG, abrir un tempo novo e construír unha Galiza mellor cun goberno que poña á xente centro das súas políticas e unha presidenta “coas mans libres” á que só a cidadanía poderá darlle ordes.

Nunha mensaxe dirixida especialmente a todos os galegos e galegas que queren cambio pero aínda non decidiron o seu voto, Pontón asegurou que este é o momento de apostalo todo ao BNG, “da igual o que votaran noutras eleccións, porque hai moitas maneiras de sentirse galego ou galega, e todas son necesarias para que abrir un tempo novo e que Galiza empece a gañar”.

Pontevedra
Pontevedra

Pontón emprazou tamén ás mulleres a acudir masivamente ás urnas e a apoiar ao BNG. “Ao longo da historia as mulleres sempre foron motor de cambio e transformación e este 18-F de novo imos ser clave para abrir un tempo novo en Galiza”, asegurou, convencida de que “o cambio está ás portas” e de que a partir deste domingo o País terá a súa primeira presidenta, e do BNG, en 43 anos de autonomía, no que houbo seis presidentes e todos de forzas estatais.

“A todas as mulleres que queren unha Galiza feminista, unha Galiza da igualdade, pídolles que vaian votar e que o fagan unidas na papeleta do BNG para que todas xuntas fagamos historia e todas xuntas entremos pola porta da Xunta”, manifestou, engadindo que “eu non quero facer historia por min, senón por todas e para todas, polas que loitaron por chegar até aquí, polas que seguimos loitando por construír un País con igualdade e máis dereitos, e polas todas as que veñen detrás, ás que queremos deixar unha Galiza mellor”. Pontón apelou, no mesmo, sentido, “a todos os homes, que son maioría, que camiñan ao noso carón pola igualdade”.

A candidata nacionalista subliñou o entusiasmo e a ilusión que está habendo arredor do Bloque, a única forza capaz de derrotar ao PP e a alternativa para abrir un tempo novo tras quince anos nos que o goberno de Rueda deixa unha Galiza peor da que atopou. O cambio “é imparable”, e de aí que “na sede de Génova, que é onde dirixen a campaña do PP, alguén apertou o botón do pánico”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG