xerais 2023

Ana Pontón: “Cada escano máis do BNG é un escano menos do PP”

Acto Ferrol
Acto Ferrol

“En Galiza sabemos que é Feijóo: menos rural, menos sanidade pública, menos emprego, menos vivenda, menos dereitos, máis emigración, máis precariedade, máis débeda pública, máis ataques a nosa lingua”, alega

A mellor maneira de frear a un PP aliado da extrema dereita antigalega é  encher as urnas de votos BNG e ter un grupo galego forte en Madrid

Néstor Rego destaca que o Bloque “cumpriu o que prometeu e foi a verdadeira voz de Galiza en Madrid” durante toda a última lexislatura

A portavoz nacional, Ana Pontón,  aproveitou a visita de Feijóo, “que hoxe toreou no coso taurino de Pontevedra”, ironizou, para destacar que en Galiza son ben coñecidas as consecuencias das políticas da dereita, por moito que na súa xira electoral o candidato do PP se empeñe en prometer xusto o contrario do que fixo neste País en doce anos de goberno.

“Aquí coñecemos moi ben que pasa cando goberna o PP de Feijóo: menos rural, menos sanidade pública, menos emprego, menos vivenda, menos dereitos, máis emigración, máis precariedade, máis débeda pública, máis ataques a nosa lingua e a nosa cultura”, subliñou no mitin que protagonizou en Ferrol xunto ao candidato pola provincia da Coruña Néstor Rego. “Déixannos unha Galiza máis pequena”,  sintetizou sobre o resultado das políticas do Partido Popular.

Un Feijóo que quere gobernar coa extrema dereita machista, racista,  “e profundamente antigalega”, denunciou, lembrando o que o propio candidato popular declaraba cando era presidente da Xunta.  “Non teño intención de pactar con VOX, nunca o farei porque é un partido que está contra Galiza, dicía fai ben pouco, e aí o tendes aliado da extrema dereita antigalega, que quere acabar coas nosas institucións, que quere até prohibirnos falar a nosa lingua, pero non llo imos permitir”.

A mellor maneira de frear a un PP de ganchete coa extrema dereita, alegou, é encher as urnas de votos ao BNG este 23 de xullo, “porque cada deputadx máis do BNG é un deputadx menos do PP; porque cada escano máis para o BNG en Galiza é un escano menos para o PP”, proclamou, deixando claro que o Bloque vai a por todas para conseguir un grupo galego forte con deputados e deputadas polas catro provincias, un grupo que faga respectar Galiza en Madrid e lle pare os pés a esa alianza antigalega.

Durante o mitin en Ferrol, a líder do Bloque foi “desmontando” a Feijóo contrapoñendo  o que di en campaña co que fixo en Galiza. “Cando fala da España vaciada, temos que recordarlle que aquí deixou un rural despoboado e abandonado; cando fala de que a xente moza marcha, temos que dicirlle que aquí provocou a emigración masiva de 200.000 mozos e mozas, tanto do rural como das cidades, porque as súas políticas só lles ofrecían paro ou precariedade”, argumentou.

“Cando fala de comprometerse coas persoas maiores, dígolle que en Galiza temos as pensións máis baixas do Estado e que en catorce anos non construíu ningunha residencia pública para deixarlle as súas empresas amigas facer negocio coa vellez; cando fala da subida da luz e pon cara de escandalizado, dígolle que en Galiza o PP goberna para ás eléctricas, que se estreou abrazado ao presidente de Iberdrola e que levan 14 anos vetando a tarifa eléctrica galega”,  afondou.

“Cando fala de boa xestión, dígolle que triplicou a débeda pública, ao tempo que recortou en educación e en sanidade; e cando fala dos dereitos das mulleres, recordarlle que en Galiza financiou a Rede madre antiabortista, baixou as axudas as vítimas da violencia machista e agora branquea o negacionismo do seu amigo Abascal e de toda a caverna da extrema dereita”, denunciou. Por todo isto e moito máis, indicou, “hai que quitarlle escanos ao PP para darllos ao BNG.

O verdadeiro voto útil

O portavoz no Congreso e cabeza do BNG pola Coruña, Néstor Rego, solicitou en Ferrol o voto “en chave de país, o único que defende os dereitos e os intereses galegos”. Despois de facer un balance do traballo desenvolvido nestes catro anos en que se presentaron máis de 1.500 propostas e 1.000 emendas aos orzamentos,  insistiu en que “o BNG demostrou que este é o verdadeiro voto útil en Galiza e abonda comparar o exercicio de defensa do país fronte ás mans atadas dos 22 deputadas e deputados de partidos estatais que foron elixidos con votos galegos”.

Lembrou que, cando o BNG foi determinante, conseguiu que os investimentos en Galiza chegaran aos 2 millóns de euros e desbloquear a axenda galega polo que, por primeira vez, conseguiuse, entre outras demandas, a baixada de prezos na AP-9, que pasou a ser gratuíta na volta para persoas usuarias asiduas. “Feijóo, Yolanda Díaz e Miñones veñen agora de campaña a facer valer a súa condición de galegos e galega, mais o que lles correspondería é explicar por que esqueceron a defensa de Galiza tanto no goberno como no Senado”, afirmou Rego, engadindo que, pola contra, o BNG pode presumir de que “cumpriu co que prometeu e foi a verdadeira voz de Galiza en Madrid”.

Neste sentido, animou a que ninguén se deixe levar pola idea que queren impoñer de que “ou hai que votar ao bloque de Sánchez ou ao de Feijóo porque o verdadeiro voto útil para Galiza é o do BNG... e isto non é unha opinión, son feitos”. Ademais, Rego salientou que o BNG é garantía de “políticas sociais e democráticas e o freo verdadeiro tanto para a dereita como para ultradereita”. Puxo así como exemplo o voto no Congreso e o compromiso de impedir un goberno PP-Vox, así como a formación dos gobernos saídos das pasadas eleccións municipais en que o BNG deixou claro que é unha garantía para facerlle fronte á dereita.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG