GALEGAS 2016

Ana Pontón: “O BNG é decisivo para derrotar a un Feijóo que deixa unha Galiza que non chega a fin de mes”

Acto público en Tomiño
Acto público en Tomiño
Ana Pontón: “O BNG é decisivo para derrotar a un Feijóo que deixa unha Galiza que non chega a fin de mes”
  • “Todas as enquisas coinciden en que os escanos que o BNG lle está disputando ao PP e a Cds son a clave para abrir un tempo novo o 25S”
  • Derogar toda a normativa en contra do idioma será prioridade de goberno, “porque como me dicía unha nai, non queremos que as nosas fillas sexan as últimas mohicanas do galego”

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, expresou o seu convencemento de que os galegos e as galegas van aproveitar a oportunidade do 25S para derrotar ás políticas de “recortes, recortes, recortes” que representaron estes oito anos de goberno da dereita, con resultados “moi dolorosos” para a maioría social deste país.

“Feijóo deixa unha Galiza que non chega a fin de mes, deixa a milleiros de persoas, a milleiros de familias que non poden chegar a fin de mes, deixa a 700.000 galegos e galegas en risco de exclusión social. Esa é a folla de servizos que pode presentar o candidato do PP, un país máis pobre e desigual”, denunciou no mitin central en Tomiño xunto co cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará.

Pontón fixo un chamamento á militancia e simpatizantes a aproveitar esta recta final de campaña para “seguir petando no corazón da xente” sen ter en conta máis enquisa que a que escribirán os e as electoras o 25S. “Cada vez máis xente mira para o BNG, dinmo na rúa, vexo nas ducias de actos por todo o país, estamos facendo unha campaña na que vemos como medra o apoio, a simpatía e a ilusión arredor do BNG”, que pediu un esforzo final para seguir sumando apoios entre o colectivo de indecisos.

“No que coinciden todas é en que os escanos que estamos disputando co PP e con Ciudadanos son os que van permitir abrir un tempo novo a partir do 25S, e vexo cada día como medra o apoio ao BNG e iso é chave para que Feijóo e as políticas da dereita acaben sendo derrotados nas urnas”, alegou.

Non á única coincidencia entre PP e Cds porque tamén comparten a súa belixerancia contra o galego. “É triste que Núñez Feijóo se queira despedir da Presidencia da Xunta cun novo paso atrás, no que parece competir con Ciudadanos, en ver quen aplica a normativa máis antigalega”, afirmou a candidata.

Acto público en TomiñoTVG2 infantil e xuvenil

Por contra, o BNG terá como prioridade de goberno suprimir toda a normativa do PP en contra do idioma que deber ser, dixo, a lingua vehicular no ensino, suprimindo calquera limitación á que as materias se impartan en galego. Como medidas para frear a caída de galegofalante, propón que a segunda canle da televisión pública estea dedicada a público infantil e xuvenil con programación en galego, “porque o futuro da lingua está nos nenos e nenas, fagamos posible que podan medrar en galego”.

“Como me dicía unha nai hoxe mesmo na Coruña, non queremos que as nosas fillas se convertan nas últimas mohicanas do galego”.

Abrir un tempo novo, explicou Pontón, é apostar por unha Galiza “na que se poda vivir e traballar con dignidade, na que podamos garantir servizos públicos de calidade a xente deste país”. Para iso, reiterou, o Bloque reclama a xestión da totalidade dos impostos e do aforro do país, a través dunha facenda e dunha banca pública galegas.

“Temos que quitarlle a chave dos nosos cartos a Montoro e decidir por nós. Só así podemos dicir non ao obxectivo de déficit e si a blindar os nosos servizos públicos, poñer o país a producir e xerar emprego, duplicar a I+D+i e preservar o benestar social”.