Ana Pontón aposta pola investigación e por un modelo enerxético a favor do País para o desenvolvemento económico de Galiza

Acto Nordés
Acto Nordés

A líder do BNG explica no Nordés Club Empresarial da Coruña os eixos estratéxicos en materia económica para construír “unha Galiza en grande”

Propón crear o INNOGAL, impulso ao sector industrial para conseguir que aporte cando menos o 25% do PIB, aumentar o investimento en I+D+i e Pacto galego pola ciencia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asistiu ao almorzo-conferencia Oportunidades para Galiza nun mundo global no Nordés Club Empresarial da Coruña, no que estivo acompañada polo candidato á alcaldía da cidade, Francisco Jorquera.

“Estamos vivindo un momento no que todo cambia e Galiza ten que pensar como construír o seu futuro no ámbito económico, de creació de riqueza e emprego”, declarou a líder do BNG no encontro, explicando que a formación nacionalitsta ve “indicadores preocupantes que nos falan de que este País precisa un forte impulso”.

No momento actual, no que a crise demográfica é cada vez maior, na que miles de mozos e mozas teñen que emigrar ante a falta de oportunidades e na que Galiza perde músculo industrial, Pontón quixo poñer sobre a mesa as alternativa económica do BNG para construír “unha Galiza con máis futuro, unha Galiza en grande”.

Acto Nordés
Acto Nordés

Tres elementos centrais para pensar a Galiza do futuro

A proposta baséase en tres elementos centrais. O primeiro deles pasa por incrementar o peso do sector industrial, para reverter un proceso de decadencia que se traduce en 20.700 empregos menos na industria desde 2009. “Propoñemos un plan que permita desenvolver a nosa industria, -apoiándose na riqueza eléctrica do País-, co obxectivo de logar que supoña o 25% do PIB”, indicou a líder do Bloque. “Esta é unha clave de futuro, porque no noso País temos capacidade para producir, temos que apoiar á pequena empresa e dimensionala”, subliñou.

O segundo elemento pasa por unha aposta pola ciencia e a innovación. “No BNG apostamos por un Pacto galego pola ciencia que nos permita achegarnos á media europea de investimento en I+D+i, pola captación e retención de talento investigador que emigrou por falta de oportunidades”, indicou Pontón, denunciando que “a día de hoxe en Galiza destínase a metade do que invisten os países europeos en investigación e ciencia e iso cambiarémolo cando o BNG lidere Galiza porque queremos ser un referente internacional no eido científico”.

Neste mesmo ámbito,  o próximo pleno do Parlamento debaterá a proposición de lei do BNG para a creación do INNOGAL, unha entidade similar ás que funcionan con éxito en Euskadi (Ikerbasque) e Catalunya (ICREA), co obxectivo de facer da ciencia un factor estratéxico para o desenvolvemento de Galiza.  Terá, ademais, un dobre obxectivo: optimizar a xestión dos recursos e reter e captar talento investigador.

Acto Nordés
Acto Nordés

A enerxía é o terceiro elemento sobre o que xira a proposta económica do Bloque para pensar nunha Galiza en clave de futuro. “Este País ten unha grande oportunidade nas enerxías renovables pero cremos que as cousas non se están facendo ben” recalcou Pontón, que ve ás forzas estatais empeñadas en que sexan as eléctricas as que se benefician da riqueza eólica.

Tarifa eléctrica galega

“Vemos a un PP e a un PSOE que están traballando para as eléctricas, que ten posto en marcha un modelo que perpetúa o espolio eólico neste País”, declarou a portavoz nacional. Fronte a isto, o BNG propón poñer a enerxía eléctrica de Galiza ao servizo da sociedade galega, das familias e das empresas, rexeitando “este bum eólico desordenado que só beneficia ás multinacionais”.

 

Neste sentido, Pontón propó unha compañía de enerxía 100% pública, seguindo os pasos de moitos países europeos, así como  “unha tarifa eléctrica galega máis baixa porque é de xustiza e de sentido común”, indicou, “xa que exportamos un 40% da electricidade que producimos sen obter ningún beneficio e pagando grandes custes ambientais e sociais”.

 

O BNG está totalmente a favor da transición enerxética, pero cun modelo xusto e democrático. “O que non se pode é perpetuar o espolio dos nosos recusos dándolle barra libre ás eléctricas para que destrúan o noso territorio e se enriquezan cun recurso que é de todos os galegos e as galegas. A enerxía ten que estar ao servizo da sociedade”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG