xerais 2023

Ana Pontón apela ás persoas que votaron BNG nas galegas e municipais: “Co voso apoio haberá grupo galego forte”

Acto Carballo
Acto Carballo

A papeleta do Bloque vale dobre: para facer respectar Galiza en Madrid e para frear ao PP aliado da extrema dereita antigalega, asegura en Carballo

Rego: “1.500 propostas referidas ao País demostran que un só deputado é máis útil que 22 que dependen do que se decida en Génova e Ferraz”

A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo no mitin de Carballo unha chamada a todas as persoas que votaron ao BNG nas pasadas eleccións municipais e antes nas eleccións galegas para que este 23X volvan coller a papeleta do Bloque: “Pídolles que volvan confiar no BNG, que volvan encher as urnas de votos ao BNG para ter un grupo galego forte no Congreso, porque se repiten ese apoio Galiza terá unha voz forte en Madrid capaz de defender os intereses do País e frear a alianza do PP coa extrema dereita antigalega”, indicou.

A líder nacionalista destacou que Galiza xógase moito o 23 de xullo e instou a mobilizarse masivamente nas urnas, “concentrando todo o voto de País, rebelde e inconformista no BNG, para conseguir un grupo forte orgullosamente galego, co peso suficiente para facernos valer ante o Estado”, proclamou. Incidiu tamén na idea de que “a papeleta ao Bloque vale dobre”, porque ademais de defender Galiza e facer fronte á discriminación das forzas estatais, serve para plantar cara ao involucionismo da dereita e a ultradereita, para avanzar nos dereitos e as liberdades dos cidadáns. 

O Bloque concorre “imparable” á cita do 23X, afirmou, para cambiar o NON polo SÍ. “Fronte aos que sempre din que NON, que Galiza non pode ter un grupo forte no Congreso, nós, unha vez máis, volvermos demostrarlles que SI, que o este é o momento de Galiza”, proclamou Pontón no mitin de Carballo, no que participou tamén o cabeza de cartel pola Coruña, Néstor Rego.

Acto Carballo
Acto Carballo

O obxectivo nestas eleccións é conseguir a forza necesaria para que Galiza sexa decisiva, insistiu, e reciba un “trato xusto” no Estado. “Non reclamamos privilexios, queremos xustiza e dignidade para a nosa xente. E para logralo, os galegos temos unha combinación infalible: o voto e o amor polo País”.

Porque, alegou, nestas eleccións Galiza “xógase ter unha voz forte e potente onde se toman as decisións que nos afectan directamente”. “E para conseguilo só hai unha única vía: ter un grupo galego forte con deputadas e deputados pola Coruña, por Lugo, por Ourense e por Pontevedra”, manifestou.

“En Galiza a alternativa real ao PP é o BNG”, proseguiu Pontón, lembrando que o Bloque estalle disputando escanos á candidatura de Feijóo nas catro provincias. Un Feijóo ao que “aquí xa coñecemos ben, o mesmo que promete en campaña xusto o contrario do que fixo en Galiza, que provocou a emigración masiva de 200.000 mozos e mozas porque non lle daban máis alternativas que a P de paro ou a P de precariedade”.

O Feijóo que di comprometerse coas persoas maiores, denunciou,  “pero que non construíu nin unha soa residencia pública para deixarlle as súas empresas amigas facer negocio coa vellez, o mesmo que presume de boa xestión, pero que triplicou a débeda pública, ao tempo que recortou en servizos públicos, en educación e en sanidade, concluíu a portavoz nacional.

Forzas estatais que se alternan na discriminación a Galiza

O portavoz no Congreso e candidato pola Coruña, Néstor Rego, destacou pola súa banda que só o BNG é garantía de "palabra cumprida”, aludindo ao traballo feito na última lexislatura: “Máis de1.500 propostas referidas a Galiza demostran que un só deputado é máis útil para o noso país que 22 que dependen do que se decida nas súas sedes de Génova ou Ferraz”, apuntou.

“Para que Galiza avance, cun sector pesqueiro forte, máis investimentos, máis infraestruturas, unha industria que se recupere da crise, máis e mellores políticas sociais e dar pasos adiante en democracia é necesario apostar por un BNG con máis forza, que sexa determinante no Congreso para condicionar políticas que beneficien a Galiza”, dixo Néstor Rego, para quen tanto PSOE-Unidas Podemos como PP o que fixeron foi "alternarse na discriminación do noso país".

Apelou así Rego ao apoio “non só de quen hai catro anos votou o BNG senón tamén o de todas a persoas que queren defender os dereito de Galiza e políticas transformadoras e sociais e están defraudadas co abandono que padecemos por parte da forzas estatais” e comprometeuse tamén a ser, cun grupo galego forte, muro de contención para a dereita e ultradereita.

“Por iso repetimos que o voto galego vale por dous e demostrámolo cada día coa nosa acción política, porque somos unha forza política na que confiar, que nunca falla na defensa do nosos país e de políticas pensadas en mellorar a vida da maioría social”, concluíu o cabeza de cartel pola Coruña.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG