Galegas 2024

Ana Pontón apela aos galegos e ás galegas a construír unha Galiza en grande da man do BNG desde “a confianza e a ilusión”

Candidatura A Coruña
Candidatura A Coruña

A candidata á Presidencia chama a facer historia concentrando o voto do cambio no Bloque porque é “a forza en disposición de disputarlle a presidencia ao PP”

Presenta a lista da Coruña como unha combinación de “experiencia e renovación” feita para darlle ao País o mellor goberno da man dunha presidenta sen ataduras

A portavoz nacional e candidata do BNG, Ana Pontón, subliñou este mércores que o BNG é alternativa real ao PP nas vindeiras eleccións e que o cambio é posible se hai un mobilización masiva da maioría social que quere abrir un tempo novo en Galiza. “O BNG é a forza que está en disposición de disputarlle a Presidencia ao PP”, asegurou.  

De aí a súa chamada aos galegos e galegas a construír unha Galiza en grande da man do BNG desde “a confianza e a ilusión”, dixo. Cada apoio será decisivo para facer historia abrindo un novo ciclo en Galiza que, considerou, é “urxente e necesario”. “Estas son as eleccións máis abertas e máis decisivas dos últimos catorce anos” e “estamos máis cerca que nunca de conseguilo”, asegurou durante a presentación da candidatura do BNG pola Coruña.

“Os galegos e as galegas van ter que escoller entre dúas opcións: continuar co Goberno do PP cun presidente como Rueda que xa demostrou que deixa unha Galiza peor e que non ten escrúpulos á hora de utilizar a mentira e non é capaz de xestionar unha crisis,  ou facer historia da man da primeira primeira presidenta do País coas mans libres”, sostivo a líder do Bloque nunha chamada a concentrar no BNG o voto da maioría social que quere cambio.    

Este é o momento, engadiu, de que “apostar por algo novo”, de “dar un paso adiante” e de que Galiza “loite polo seu futuro”   tras corenta anos de democracia nos que houbo seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais que “é evidente que non conseguiron colocar a este País no lugar no que lle corresponde”.

Ese é o obxectivo que comparten, sinalou Pontón, os integrantes da candidatura do BNG pola Coruña, unha candidatura feita “cas mellores e co mellores”  e na que se combina “experiencia e renovación”. Para ela, destacou, é “un luxo” liderar unha lista na que vai acompañada nos primeiros postos por Mercedes Queixas, a número dous, Rosana Pérez, Ramón Fernández Alfonzo, Daniel Pérez ou Iria Carreira, todos deputados e deputadas na última lexislatura das que a líder do BNG subliñou o seu traballo intenso de “oposición seria e rigorosa”, con críticas ao Goberno do PP pero tamén con propostas e alternativas.

A lista pola Coruña suma “novas incorporacións” como Óscar Insua, Iria Taibo, Xosé Manuel Golpe, Saleta Chao, Xulio Conde ou Cristina López, todos homes e mulleres comprometidos que representan a “pluralidade e a diversidade” que defende o BNG e que comparten o obxectivo de darlle ao País “o mellor Goberno de todos os tempos e facer historia cunha presidenta capaz de poñer en marcha a mellor Galiza”.

Reta a Rueda a deixar o “escapismo” e a aceptar un cara a cara

Ana Pontón subliñou, por outra banda, que tras case quince anos de goberno o PP deixa unha Galiza peor, froito dunha “nefasta xestión” que ata Rueda e o seu equipo “recoñecen coa boca pequena”. De aí que o candidato do PP se “agoche”, dixo, e se resista a participar nos debates electorais que propón o BNG de cara ao 18-F.

Pontón retou así a Alfonso Rueda a “deixar o escapismo” e a aceptar un cara a cara, cun debate na TVG entre o actual presidente e a candidata que representa a alternativa real de cambio. Salientou, neste sentido, que os debates “non son capricho” dos candidatos, senón “un dereito á cidadanía”. “Os galegos e as galegas tamén teñen dereito a un cara a cara entre o actual presidente e a candidata que lidera a oposición, algo de sentido común democrático que é un dereito que ten a cidadanía”, precisou.

Recordou, neste sentido, que nas pasadas eleccións xerais organizouse “con toda normalidade” un cara a cara entre Pedro Sánchez e Feijóo, un formato ao que agora pide o BNG, que xa propuxo tamén a celebración nos medios públicos galegos de dous debates, un deles na primeira semana da campaña electoral e outro na segunda. “E  evidente que hai moitos temas que abordar e que é importante que a cidadanía vexa o contraste de ideas”, salientou, tras confirmar que “non vai haber nunca unha cadeira baleira do BNG en ningún debate”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG