Ana Pontón anuncia unha ofensiva do BNG no Parlamento a favor de Valdeorras no ámbito das comunicacións, sectores produtivos e sanidade pública

Encontro Clúster da Lousa
Encontro Clúster da Lousa

Fronte ao doce anos de “abandono” do Goberno de Feixóo, propostas para revitalizar unha comarca de gran potencial pero que precisa investimentos

Medidas: destinar fondos europeos a mellorar as infraestruturas e os sectores da lousa e vitivinícola e para a recuperación ambiental dos ríos

En materia de sanidade: dotar ao hospital dunha unidade capaz de tratar a silicose, doenza propia da comarca polas explotacións mineiras

A portavoz nacional, Ana Pontón, arrancou a súa intensa axenda de traballo en Valdeorras cun encontro co cluster da lousa, en Carballeda de Valdeorras, seguida dunha reunión con representantes do persoal do hospital comarcal e unha xuntanza con responsables sindicais da comarca. Xornada que se completa cunha visita ao consello regulador da D.O. Valdeorras, tras un xantar con militantes e simpatizantes do BNG da comarca.

“O obxectivo desta visita era manter un contacto directo cos sectores económicos, laborais e sociais da comarca”, salientou a líder nacionalista, quen anunciou unha “ofensiva política do BNG no Parlamento” a favor dunha comarca que ten un gran potencial pero que non deixa de perder emprego e poboación, pagando a “factura” do abandono do Goberno de Feixóo.

“Quero destacar é o enorme potencial económico e social desta comarca con sectores puxantes como o da lousa, do viño ou con empresas moi importantes no sector da automoción, ao que se suma un importante patrimonio cultural e natural”, indicou Pontón, “pero que leva doce anos sufrindo o esquecemento do Goberno do PP e iso fai que perda oportunidades, emprego e poboación”, lamentou.

Encontro Hospital comarcalPor iso o BNG, anunciou, “vai dar unha ofensiva política no Parlamento en defensa da comarca de Valdeorras e mudar o abandono por compromisos e investimentos” en catro ámbitos clave: comunicacións, sectores produtivos, recuperación ambiental e servizos sanitarios. Neste sentido, avanzou algunhas das iniciativas parlamentarias desa ofensiva en defensa da comarca.

“Destinar fondos europeos de recuperación económica, Next Generation, a mellorar as comunicacións de  Valdeorras e a potenciar os seus sectores produtivos e industriais, apostando pola innovación e pola sustentabilidade”, subliñou. Entre esas comunicacións, a N-120, nunha situación lamentable pese a ser a principal vía de enlace con Vigo e clave para as empresas da comarca; recuperar as paradas de tren na Rúa e no Barco facendo unha aposta polo ferrocarril e poñer en marcha a A-76 Ponferrada-Ourense.

No ámbito da sanidade, reforzar as dotacións e servizos do hospital comarcal para o cal formulou dúas medidas específicas: crear unha unidade de pneumoloxía que atenda doenzas propias da zona como a silicose. “As explotacións mineiras lousa son un dos principais sectores económicos, polo tanto o hospital comarcal debe ter medios para atender a patoloxías que afectan a súa veciñanza, aos seus traballadores e traballadoras, porque estamos falando da saúde das persoas”, indicou Pontón.

Igualmente, dotar ao hospital do persoal de radioloxía suficiente para evitar que se deriven probas a Ourense, obrigando a desprazamentos de tres horas con todo o que iso implica.

Encontro Clúster da LousaDentro das propostas do BNG, tamén ás referidas  ao sector vitivinícola e, neste ámbito, vai levar ao Parlamento un cambio nos criterios de distribución das axudas europeas ao sector, que favorecen ás grandes extensións pero non ao tipo de viñedos que hai en Valdeorras e en xeral en Galiza. Ademais, crear unha estación fitopatoloxica galega con delegacións nas cinco D.O, que permita detectar e evitar problemas nos viñedos sen caer nun exceso de tratamentos, como reclama o sector.

Finalmente, propostas para preservación ambiental, cun plan de recuperación integral dos ríos afectados pola actividade industrial, que debe facerse “implicando” ás empresas do sector da lousa. “Ou preservamos o medio ambiente, ou non hai futuro”, concluíu Pontón nunha visita na que tamén participaron as deputada María Albert e Noa Presas, xunto con responsables locais do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG