galegas 2024

Ana Pontón anima á cidadanía ourensá a concentrar todo o voto do cambio no BNG porque “outro Ourense é posible”

Ana Pontón en Ourense
Ana Pontón en Ourense
Pide unha gran mobilización nas urnas unindo na papeleta do Bloque a todas as persoas que queren unha Galiza mellor para todos e todas 

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, fixo un chamamento á cidadanía da cidade de Ourense e de toda a provincia para que “concentre o voto de cambio no BNG” porque “imos estar á altura da súa confianza e imos demostrarlles que hai outro Ourense e outra Galiza posible”.

Pontón asegurou que “Ourense vai ser clave no cambio” e animou a todos os ourensáns e ourensás que queren ese cambio a apostalo todo á papeleta do BNG para o próximo domingo ter motivos “para mirar o futuro con esperanza”.

Neste sentido, apelou a toda a xente que quere deixar atrás estes 15 anos de retrocesos nos que vimos como Ourense e Galiza perdían. “Perdemos poboación, industria e emprego, sectores produtivos, mocidade e talento que emigra, e tamén vimos como perdiamos peso no Estado”, enumerou.

“Se queremos comezar a gañar temos que apostar por algo diferente porque é evidente que quen é parte do problema non pode ser parte da solución”, indicou para apelar a unha gran mobilización nas urnas este próximo domingo para abrir un tempo novo e construír un País mellor para todos e todas.

Nas últimas horas da campaña, a candidata á Presidencia animou desde Ourense “a todo o voto inconformista e a todas as persoas que queren construír unha Galiza mellor” a que escollan “ilusionadas e convencidas” a papeleta do BNG facendo historia coa primeira muller presidenta, unha presidenta “que lle vai devolver aos galegos e ás galegas a confianza, e sobre todo a esperanza, en que somos un gran País, capaz de conseguir grandes cousas”.

Nesta liña, incidiu en que “está ao alcance das nosas mans facer historia” para que por primeira vez Galiza teña unha presidenta “coas mans libres para defender os intereses de todas e de todos os galegos”, sen que estea condicionada polo que decidan en Madrid, senón que se deba “única e exclusivamente á cidadanía galega”.

Pontón comprometeu un goberno que defenda os servizos públicos e unha atención ás persoas maiores nas súas casas, “con todos os recursos á súa disposición”, e que poña en marcha un país produtivo, coidando do medio ambiente, e un país feminista. “En definitiva, un país mellor”, resumiu.    

“Estamos nunha campaña histórica na que sentimos a ilusión e a emoción, onde vimos como hai pulsión de cambio”, recalcou, para mostrar o seu convencemento en que “se concentramos no BNG todo ese voto que quere deixar atrás 15 anos do PP, imos dar un paso de xigante cara adiante”.

Por iso animou á participación masiva o 18 de febreiro, “que ningún voto de cambio se perda, que ningún voto do cambio quede atrás nin quede sen representación”, para poder “gañar un futuro mellor da man do BNG”. 

Pola súa banda, a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, pediu a todas as persoas “ás que lles doe Ourense” e ás que están “desencantadas” da política e o ruído que aposten polo BNG porque “se todas as persoas que queremos un futuro diferente para Ourense nos mobilizamos, este 18F seremos unha praza decisiva para o cambio”. 

Presas animou aos ourensáns e as ourensás para que non se deixen levar pola resignación e voten Bloque para poñer en marcha un cambio “sen precedentes” cun goberno que porá fin á discriminación do interior do País. “A ferramenta máis poderosa para acabar coa discriminación de Ourense é un goberno dirixido por Ana Pontón”, manifestou, destacando o compromiso da candidata nacionalista coa cohesión territorial e  a igualdade entre galegos e galegas. “Aproveitemos esta oportunidade histórica para Ourense e para Galiza”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG