Ana Miranda reclama que Eurostat inclúa nos seus baremos a precarización do emprego e dos servizos públicos

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada do BNG defendeu na Comisión de Asuntos Económicos a inclusión de factores ligados á situación social xurdida coa crise e as caracteristicas propias de Galiza

A eurodeputada do Bloque no Parlamento Europeo, Ana Miranda, interveu hoxe na Comisión de Asuntos Económicos e Financeiros da Eurocámara para demandar que a Oficina Europea de Estatísticas Europeas (EUROSTAT), inclúa novas situacións sociais provocadas pola crise económica, así como o factor da dispersión xeográfica, característica da sociedade galega.

“É importante regularizar e actualizar datos e ampliar os criterios utilizados até agora posto que o criterio da renda media non serve xa. É dicir non da resposta á realidade, en tanto que somos considerados ricos sen selo”, afirmou a eurodeputada nacionalista, quen citou como exemplos claros a situación de precarización laboral na que viven moitas galegas e galegos, a pobreza enerxética, a diminución e baixada de calidade dos servizos públicos, e a baixada das pensións.

Ana Miranda tamén fixo referencia ao fenómeno da emigración da mocidade e as situacións de dependencia de moitas persoas maiores. “Estes criterios deben ser tidos en conta á hora da futura política de cohesión que está a debate”, engadiu, ao tempo que se compromete a facer achegas e consideracións a Eurostat para estudar a posible ampliación de criterios.

Ao respecto, a directora xeral da Axencia, Mariana Kotzeva, recoñeceu que a eurodeputada nacionalista mencionara na súa intervencións numerosos exemplos que ilustraron a súa presentación e que efectivamente deberán ser tidos en conta. Por outro lado, Miranda felicitou a Kotzeva polo seu recente nomeamento e salientou a importancia de que haxa mulleres en postos de máxima responsabilidade para rachar “o teito de cristal” tamén presente nas institucións e organismos comunitarios.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG