- A portavoz do BNG en Europa trasladará á comisaria a denuncia contra o Estado español por incumprir a normativa comunitaria na investigación do accidente ferroviario de Angrois e solicitará que se dirixa ao instrutor para que compareza Axencia Ferroviaria europea (ERA) no xuízo
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda reúnese mañá en Estrasburgo coa coa Comisaria europea de Transportes, Violeta Bulc á que trasladará a necesidade de abrir un novo procedemento de infracción contra o Estado español “por incumprir a normativa comunitaria na investigación do accidente ferroviario de Angrois”. Miranda pedirá á comisaria que se sume á petición da Eurocámara para “reabrir a comisión de investigación do accidente”.
A portavoz nacionalista reclamará “unha investigación rigorosa e independente” ante os indicios que confirman que, tanto a avaliación de riscos como a posta en marcha do ALVIA non foron realizados de maneira correcta e mesmo “foron rebaixados”. A portavoz do BNG en Europa lembra que a propia Axencia Ferroviaria Europea (ERA) emitiu un informe no que denunciaba falta de independencia na investigación e non outorgar a necesaria importancia a todas as causas do accidente”.
No encontro entre Ana Miranda e a comisaria europea que terá lugar mañá no Parlamento europeo en Estrasburgo, na sala WIC, 07/80 ás 17.30hs, a portavoz do BNG tamén trasladará á máxima responsable de transporte da Unión Europea, que se dirixa ao instrutor do caso para que poida comparecer a Axencia Ferroviaria Europea no xuízo e realizar as xestións necesarias que recentemente foron solicitadas pola Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para que se abra unha nova investigación.
Miranda reitera que foi o Parlamento europeo, a institución que “escoitou ás vítimas” e no suposto de abrir un novo procedemento de infracción estariamos diante dunha esperanza fronte á “manipulación, silencio e maltrato ás vítimas” por parte dos gobernos galego e español e que contou coa complicidade do PSOE. Estiveron, afirma a nacionalista, “máis preocupados de taparse uns a outros para que non se investigue que de coñecer a verdade das causas do accidente que segou a vida de 82 persoas e deixou grandes secuelas nas vítimas e familiares ”.