parlamento europeo

Ana Miranda insta á Comisión a incluír na normativa europea a contaminación por microplásticos no transporte marítimo

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada do Bloque denuncia que o PP se opón a mellorar a seguridade no transporte marítimo

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defende que tanto a Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo como a de Transporte inclúan nas súas respectivas normativas a contaminación por microplásticos no transporte marítimo. así o manifestou hoxe na Comisión de Medio Ambiente celebrada esta mañá, na que se debateu o informe “Previr as perdas de pelets de plástico para reducir a contaminación por microplásticos”.

Ana Miranda explica que, actualmente, a normativa europea estase a debater en dúas comisións, na Comisión de Medio Ambiente e na de Transporte. Na de Medio Ambiente estase tratando as perdas de microplásticos e a xuízo da eurodeputada nacionalista, “ten que incluír o transporte mariño”. Pola súa banda, na Comisión de Transporte, -que está en negociacións nos denominados trílogos coa Comisión, o Consello e o Parlamento Europeo-, “existe a posibilidade de incluír tamén os pelets como sustancia contaminante” no novo regulamento de transporte marítimo.

“Na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo, que hoxe debatía a proposta do deputado portugués Joao Albuquerque sobre as perdas de microplásticos, o BNG novamente denunciamos esta catástrofe ambiental que se está producindo en Galiza”, explicou a eurodeputada do Bloque.

Negacionismo do PP

Por outro lado, Miranda denunciou “a neglixencia que está tendo o goberno galego a falla de información” e criticou que o Partido Popular galego, español e europeo se neguen a incluír o transporte marítimo na mellora da seguridade. “Da mesma forma que o PP está facendo un negacionismo absoluto da catástrofe en Galiza, tamén o está a facer en Europa”, denuncia.

“Hai que contar co apoio de todos os grupos e por iso instamos a que a Comisión Europea inclúa o transporte marítimo na perda de pelets, precisamente para aprender leccións, como se aprendeu a lección tras o Prestige coa aprobación do paquete de seguridade marítima, e que agora se debe aprender do que está pasando na costa galega”, conclúe a eurodeputada do Bloque, quen acadou que o vindeiro xoves, no pleno da Eurocámara que se celebrará en Estrasburgo-, se inclúa un debate sobre a contaminación na costa galega baixo o título “Catástrofe ecolóxica recente pola perda perda de pelets de plástico e o seu impacto na contaminación por microplástico nos hábitats marítimos e costeiros”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG