parlamento europeo

Ana Miranda denuncia no Parlamento Europeo que o goberno galego do PP deixa fondos europeos sen executar

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada do BNG critica que a Xunta non atende os desafíos de crear emprego, manter o talento e evitar a perda de poboación

No debate celebrado na Eurocámara sobre “Política de cohesión 2014-2020: aplicación e resultados nos Estados membros”, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou que o goberno galego do Partido Popular deixa fondos europeos sen executar e sen dar resposta a necesidades fundamentais para Galiza como a creación de emprego, a retención do talento e a perda de poboación.

“Como eurodeputada galega teño que dicir que na última década hai investimentos de cohesión en Galiza que non sempre tiveron bos resultados, sobre todo porque o goberno galego non atendeu os desafíos necesarios de crear emprego, de manter o talento, de infraestruturas no rural, de saneamento”, manifestou Ana Miranda, ao tempo que lembro que o informe di que “o impacto dos fondos non pode facerse só no nivel de fondos executados senón na natureza transformadora deses investimentos e no seu impacto na economía e no emprego”.

Neste sentido, a eurodeputada do Bloque sinalou que n Galiza o goberno do PP despois de sete anos para planificar, comprometer e executar -máis os tres anos de graza- “aínda ten fondos sen executar está por debaixo da media europea, e compromete os programas sen dar participación ao Parlamento galego”.

Precisamente para falar da fuga de cerebros Miranda mantivo un encontro coa Comisaria de Demografía, Dubravka Šuica, a quen lle trasladou que no 2023 tiveron que marchar de Galiza 7.623 universitarios para traballar fóra ao non atopar en Galiza oportunidades laborais que lles permitan desenvolver o seu proxecto vital con dignidade debido á forte situación precariedade no país. “Espero que no futuro en Galiza haxa un goberno que faga as cousas de outra maneira”, manifestou a eurodeputada nacionalista.

Máis políticas públicas

Por outro lado, a eurodeputada galega tamén interveu no pleno da Eurocámara a respecto da perda de poboación en Galiza e o seu envellecemento no marco do debate “Estilo de vida saudable e envellecemento activo na Unión”. Respecto á perda de poboación en Galiza sinalou que desde 2009, Galiza perdeu case 100.000 habitantes, xa que segundo datos do INE, en 2009 -precisamente cando o PP volveu gobernar a Xunta-, en Galiza vivían 2.796.089 persoas, mentres que en 2023 esa cifra baixou un 3,7%, até os 2.696.177 habitantes.

“Ao tempo que a poboación en Galiza diminúe, o envellecemento aumenta”, manifestou Miranda, quen sinalou ademais que se ben en 2003 o índice de envellecemento da poboación de Galiza se situaba no 168 (por cada 100 menores de 16 años había 168,2 persoas de más de 64 años segundo o INE), dúas décadas despois, en 2023, este índice se situaba en 218.

“Tendo estes datos en conta, desde as administracións públicas temos que apostar por políticas que teñan moi en conta o concepto de envellecemento activo que defende a Organización Mundial da Saúde”, salientou, lembrando que a OMS define esta fase como o proceso no que se optimizan as oportunidades de saúde, participación e seguridade para mellorar a calidade de vida das persoas a medida que envellecen.

Así, a eurodeputada galega considera que o envellecemento activo debe considerarse “un obxectivo primordial social e político, que persiga a mellora da autonomía e a saúde das persoas maiores mediante o apoio en diferentes áreas como a sanidade, a economía, a educación e a vivenda”. “Máis investimento público, máis residencias, que os avós e avoas non teñan que soportar a crise”, engadiu na súa intervención.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG