parlamento galego

Alexandra Fernández acusa á Xunta de ser cómplice da situación de perigosidade na que vivía a familia vítima do incendio de Vigo

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

Rosana e os seus fillos quedaron na rúa ante a “impasibilidade” do Goberno do PP, que coñecendo a súa vulnerabilidade nunca lles deu alternativa habitacional

A deputada do BNG critica as dificultades da xente que máis o precisa para acceder ao bono de alugueiro social, cuns requisitos que o fan imposible  

A deputada do BNG, Alexandra Fernández, acusou este mércores ao Goberno do PP de ser “cómplice” da “situación de perigosidade” na que se atopaba a familia de Rosana, a muller vítima xunto a tres dos seus fillos do incendio dun edificio en Vigo ocorrido o pasado día 12 de outubro.  “Nunca, en mais de dous anos, lles procuraron unha alternativa habitacional”, criticou a deputada, que comezou a súa intervención no Pleno mostrando o seu fondo pesar polo tráxico suceso que, dixo, “nunca debeu ter sucedido”.

Nunha pregunta dirixida á vicepresidenta segunda da Xunta e responsable de Vivenda, pero que contestou a titular de Política Social, Fernández asegurou que Rosana e a súa familia “quedaron na rúa ante a impasibilidade” da Xunta, que nunca lles chegou a proporcionar unha solución habitacional digna.

“Souberon en 2021 que esta familia ía ser desaloxada do seu poboado, coñecían que o maxistrado que decretara o desaloxo apreciaba especial vulnerabilidade pola presencia de menores e dende distintos colectivos se lles advertiu de que esa familia non tiña recursos económicos para facer fronte a un aluguer a prezo de mercado” e, a pesar de todo iso, “a familia de Rosana recibiu o silencio da Consellería con competencias de Vivenda”, apuntou a deputada de Vigo.

O tráxico suceso é un exemplo de que “nin nos casos de máis extrema vulnerabilidade, con menores afectados, a Xunta responde”, agregou. Subliñou, ademais, que os menores estaban baixo a observancia da Xunta,  “plenamente coñecedora” tamén da situación de inseguridade da vivenda na que Rosana e a súa familia entraron a vivir para non durmir na rúa cando os botaron do poboado.

Alexandra Fernández convidou ao Goberno galego a facer una “reflexión profunda” sobre esta traxedia, tras “dous anos de silencio, dous anos de falla empatía, dous anos mirando para outro lado”. “Este suceso tan tráxico ten que ser o punto e final do rexeitamento do PP a que haxa políticas públicas de vivenda”, advertiu.

Reclamou así á Xunta do PP que deixe a un lado a “propaganda falsa” sobre o bono do alugueiro social, unha axuda á que a xente que máis o precisa “non pode acollerse porque vostedes estableceron unhas bases que o fan imposible”, como a esixencia de ter un contrato de arrendamento antes de recibir dita axuda.  As persoas empobrecidas, afondou, quedan “á súa sorte” fronte “a un mercado privado cada día máis inaccesible” no que ninguén aluga unha vivenda se non ten ingresos estables e no que se deixan ver ademais os efectos dun racismo estrutural que, cando se trata de xitanos -como neste caso- ou inmigrantes, lles fai tamén imposible conseguir un contrato de arrendamento.

“Fronte a súa propaganda, hai nomes propios, hai persoas que padecen a realidade que é”, afirmou, insistindo en que “Rosana e a súa familia non puideron acceder a esa axuda porque vostedes a deseñaron para que non a recibise”.    

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG