parlamento galego

Alexandra Fernández acusa ao PP de levar a vivenda protexida á práctica desaparición durante os 14 anos que leva na Xunta

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

A deputada do BNG desmonta a “propaganda” do Goberno de Rueda e lembra que hai 18.000 familias no Rexistro de Demandantes que agardan por un piso

A deputada do BNG Alexandra Fernández acusou ao Goberno do PP de “vender fume” en materia de vivenda protexida con anuncios que son propaganda electoral e que non teñen credibilidade tras catorce anos na Xunta. “O PP levou a vivenda protexida á practica desaparición en Galiza. O seu único mérito é colapsar a oferta mentres 18.000 familias agardan no Rexistro de Demandantes”, asegurou a deputada.

Fernández tirou de datos para argumentar a falta de credibilidade dos anuncios do PP e, neste sentido, lembrou que antes da chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta o ritmo de creación de vivenda protexida chegou a superar as 4.000 iniciadas nun ano, pico este que se alcanzou no 2006.

Fronte a esa cifra, as iniciadas en 2013 xa non pasaban do centenar, e os datos foron a peor entre 2015 e 2018, nos que a oferta practicamente desapareceu. En 2015 tan só se comezaron a construír 5 vivendas, unha máis que en 2006 e as mesmas que en 2017. Foi no 2018 cando se tocou chan, con tan só o inicio de 2 vivendas protexidas para toda Galiza.

“Nos últimos oito anos apenas se iniciaron no País 869”, criticou a deputada nacionalista, para quen “os resultados son tan malos” que ao PP “non lle queda máis que a propaganda”, como se referiu ao anuncio de 737 novas vivendas para o vindeiro ano feito esta semana na Comisión dos Orzamentos. Un anuncio que, dixo, chega tarde, é insuficiente e non ten credibilidade.

Explicou, ao respecto, que o reponte orzamentario non é mérito do PP de Rueda, senón que se explica nos fondos condicionados que chegan do Estado e de Europa. Hai un aumento nas partidas, recoñeceu, pero é “anecdótico” tendo en conta o “enorme problema de acceso á vivenda” que existe na actualidade.

Con 18.000 familias galegas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida, o PP ten tamén nesta materia “as mans baleiras”, insistiu Alexandra Fernández. “Por que prometen mellores resultados para cando eles probablemente queden fóra da Xunta?, se preguntou.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG