A UE, o Mercosur e as mentiras do PP

Estes días fálase moito do acordo de libre comercio asinado entre a Unión Europea e o Mercosur polos graves prexuízos que supón para o sector agrogandeiro galego. Un acordo comercial que está hoxe de actualidade mais que leva negociándose desde hai máis de vinte anos.

Nos últimos meses, sen ir máis lonxe, debateuse sobre este acordo comercial até en tres ocasións tanto en Galiza como en Bruxelas. En todas elas o Partido Popular votou a favor do Mercosur e en contra dos intereses do sector agrogandeiro galego.

A primeira foi no mes febreiro de 2025, hai case un ano. O BNG defendeu no Parlamento galego o rexeitamento a este acordo, cando pouco ou nada se falaba del, porque deixa aos pés dos cabalos as explotacións galegas, especialmente de carne. O PP votou en contra.

A segunda foi en decembro de 2025 no pleno do Parlamento europeo cando se someteron a votación as salvagardas dese acordo, das que tanto se fala agora. Daquela, os deputados do Partido Popular e do PSOE, entre eles os galegos, votaron en contra de introducir maiores restricións e medidas de control no acordo.

En xaneiro de 2026, xa cos tractores na porta, o BNG volveu levar ao Parlamento galego unha iniciativa para dar voz ao sector gandeiro galego e rexeitar o acordo co Mercosur. Que fixo o PP? De novo votou en contra. Non do BNG, senón das gandeiras e gandeiros galegos que son os que sufrirán as consecuencias deste acordo que o Partido Popular apoia estusiasticamente desde o minuto un. Dicíao o presidente Alfonso Rueda nun acto público: "Esperamos que el acuerdo Mercosur por fin se materialice y podamos empezar a aprovechar las oportunidades que en opinión de Galicia se abren". Eu aínda estou agardando que nos explique cales son esas oportunidades porque a realidade é outra: cantidades enormes de carne entrando no mercado europeo en condicións moito máis vantaxosas das que se teñen que producir aquí.

Mais como o PP quere estar na misa e repenicando desde que os gandeiros saíron á rúa anda dicindo que non apoia o acordo e que defenderá que se introduzan máis salvagardas nel. Que salvagardas, señores do Partido Popular, as que rexeitaron introducir no mes de decembro no pleno do Parlamento europeo?

A quen intentan enganar? Cren que as gandeiras e gandeiros son parvos?

Nestes tempos de desinformación, de bulos e de mentiras é bo aclarar algunhas cousas sobre este acordo:

  1. A Comisión Europea, presidida polo Partido Popular Europeo, asinou co Mercosur un preacordo comercial que debe ser ratificado ou non para a súa entrada en vigor polo Parlamento Europeo.
  2. O Parlamento Europeo non pode modificar os termos do acordo, só pronunciarse a favor ou en contra del.
  3. O BNG mantén a mesma posición desde o principio e en coherencia votará en contra no Parlamento Europeo deste acordo porque prexudica gravemente a Galiza e ao sector agrogandeiro galego utilizado unha vez máis como moeda de cambio, como peza de sacrificio, fronte aos intereses económicos doutros.

A pregunta é: que van facer as deputadas e deputados do Partido Popular? Van seguir dicíndolle aos gandeiros unha cousa e votando a contraria?

Porque até o de agora en cada votación puxéronse en contra dos intereses galegos.

Está ben arrimarse aos tractores, mellor aínda defender que neste país poidamos seguir vivindo deles.

 

Artigo publicado en El Progreso de Lugo o 22 de xaneiro de 2026.