Rosana Pérez pediu a Wert que suspenda o "calendario leonino" de aplicación da LOMCE

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, demandou este mediodía ao Ministro de Educación, José Ignacio Wet, que suspenda “o calendario leonino” de aplicación da LOMCE debido á imposibilidade práctica de cumplilo.

Un calendario que Rosana Pérez tildou de “leonino”.

Nese sentido, Rosana Pérez advertiu a Wert que en territorios como Galiza aínda non se aprobaron os decretos correspondentes para completar os contidos das materias troncais e para estabelecer os contidos e os horarios das materias específicas e “estamos ás portas de rematar xuño”. Ademáis, lembrou que a Conferencia Sectorial para tratar o financiamento da implantación da LOMCE non terá lugar até o 30 de xuño.

“Cre que vai dar tempo a implantar este calendario sen que se produza un auténtico caos? Non cre que sería máis axeitado suspender o calendario exprés?”, son algunhas das cuestións que a parlamentar do BNG dirixiu ao Ministro de Educación.

Non se poden pagar as becas cando se remata o curso

No relativo ás bolsas, a deputada do BNG puxo enriba da mesa o informe do Consello de Estado que cuestiona a equidade do actual modelo de becas, e criticou unha serie de cuestións ás que o Ministerio non deu resposta como a falla dun estudo de impacto educativo e social. Reprochou a Wert ter estabelecido un modelo de bolsas que incrementa a desigualdade e que atenta contra a equidade.

Asemade, demandoulle que non se reitere a grande demora no pagamento das bolsas como sucedeu neste curso. “Retrasouse o pagamento das axudas case até os últimos días do curso”, e instou a Wert a que non se repita esta situación. Tamén o conminou a reflexionar sobre o modelo de bolsas e concesión de axudas porque non garante a igualdade.

Por último, Rosana Pérez referiuse á disposición adicional 38 da LOMCE, a relativa ao aumento das clases de castelán no ensino público, para reivindicar que se promova a modificación lexislativa que conleve a supresión desta disposición. Nese sentido, argumentou o informe do Consello de Estado que detectou “notábeis carencias” no proxecto de Real Decreto que regula a presenza das linguas cooficiais no ensino. Sen esquecer a clara vulneración de competencias autonómicas.