O PP rexeita unha iniciativa do BNG para evitar as consecuencias dos desafiuzamentos

O deputado do BNG, Cosme Pombo reclamaba na iniciativa instar ao Goberno galego a demandar ante o Goberno central medidas destinadas a evitar as consecuencias dos desafiuzamentos e impedir os cortes de luz e gas ás familias vulnerábeis en Galiza

Os votos en contra do Partido popular á Proposición non de lei defendida polo deputado do BNG, Cosme Pombo impediron que prosperara a reclamación nacionalista para evitar as consecuencias dos desafiuzamentos e os corte de subministracións básicas a familias en situación de vulnerabilidade en Galiza.

O parlamentario defendeu instar ao Parlamento español e Goberno, que se constitúa na próxima lexislatura, a adoptar entre outras medidas: A modificación da Lei Hipotecaría e de Enxuizamento Civil para favorecer “a dación en pago retroactiva”, a condonación da débeda paras os debedores hipotecarios da súa vivenda habitual e única e a “eliminación automática das cláusulas abusivas” respectando as sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea.

Na súa intervención, Cosme Pombo reclamou establecer medidas que garantan o dereito a “unha vivenda digna” e reiterou a necesidade de evitar “as graves consecuencias” dos desafiuzamentos.

Asemade tamén pediu “resolver un prezo alcanzábel para as familias” e se artellar medidas reais para vivendas sociais. O parlamentario manifestou que en Galiza existen “máis de 10.000 familias que perderon a vivenda” e moitas delas, “quedan empeñadas para toda súa vida”.

O deputado concluíu apelando a creación dun paquete de medida globais que atallen o “grave problema da falta de vivenda” e dos desafiuzamentos.