O PP rexeita abrir unha liña de axudas para reparar os danos por inundacións na provincia da Coruña

A deputada do BNG, Ana Pontón reclamou establecer convenios coas administracións para reparar infraestruturas públicas e danos persoais e patrimoniais en varios concellos da provincia da Coruña afectados polas inundacións dos días 29 a 31 de marzo do 2016

A parlamentaria do BNG, Ana Pontón reclamou hoxe, a través dunha proposición non de lei instar á Xunta a aprobar axudas específicas dirixidas a persoas físicas ou xurídicas nos concellos da provincia da Coruña afectados polas inundacións durante os días 29 a 31 de marzo.

Asemade, a deputada tamén reclamaba dirixirse ao Goberno do Estado a fin de aprobar axudas e créditos extraordinarios para compensar ás persoas, empresas e entidades concedendo aprazamentos ou condonacións no pagamento de tributos estatais así como establecer liñas de crédito prioritarias con aval público para relanzar a actividade económica.

Pola súa parte, o portavoz popular, Miguel Tellado anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista argumentando que a Xunta ten a intención de colaborar no financiamento da reparación dos danos no ámbito municipal  ao que a parlamentaria replicou lendo a carta dirixida aos concellos informando dos requisitos para solicitar as axudas entre as datas “25 de decembro de 2015 e o 15 de febreiro do 2016” o que, en opinión da deputada, constata a falta de vontade da Xunta para atender os danos producidos polas inundacións.

A nacionalista recalcou que a iniciativa do BNG reclamaba non só axudas para os concellos afectados senón “para as persoas afectadas polas enchentes” en vivendas, en propiedades ou na súa administración comercial. O partido popular, dixo, ten que revisar mellor o que facían na oposición no ano 2006 cando reclamaban, “con urxencia” a posta en marcha, por parte da Xunta de Galiza, medidas.

A deputada lembrou que ano 2002 foi publicado un decreto de Axudas específico para cubrir os danos en vivendas, sector turístico e comercial da Mariña, e hoxe nós o que pedimos é “exactamente o mesmo que se fixo no pasado” e se non queren facelo para os concellos da provincia da Coruña terán vostedes que explicar porque hai un trato diferente para os cidadáns, en función da “cor ideolóxica”.