O BNG pide a documentación sobre o "custe real" da venda de Novagalicia Banco e o PP vota en contra

Francisco Jorquera lembrou que José María Castellano afirmou nunha entrevista na TVG “que se o Estado agardara tres ou catro anos máis podería ter recuperado os fondos públicos empregados para o saneamento da entidade”

O parlamentario do BNG, Francisco Jorquera reclamou hoxe na Comisión de Economía que se faga pública a información sobre o “custe real” para o erario público trala venda “anticipada” de Novagalicia Banco.

Pasados tres anos, dende a privatización de Novagalicia Banco, “Bankia aínda non se vendeu e segue sendo un banco público” e os datos demostran que a venda de Novagalicia Banco “foi unha venda a perdas”, non só non se recuperou nada do diñeiro para o seu saneamento senón que, a efectos prácticos, se pagou para que un operador privado se fixera cargo, afirmou o deputado.

O prezo oficial da venda no ano 2013, explicou Jorquera, “foi de 1.003 M€” cunhas garantías a favor do comprador moi superiores ao prezo da venda e froito diso, “no primeiro exercicio de ABANCA superou o prezo da venda”. Esta operación supuxo “perder para o contribuínte 10.000 M€” nun proceso de venda acelerada”. E agora

resulta que o fora presidente de Novagalicia Banco, José María Castellano, afirma que se en vez de privatizar a entidade financeira , se tivese agardado tres ou cator anos máis, “o Estado podería recuperar o diñeiro destinado ao seu saneamento” contradicindo a tese oficial da Xunta que sempre xustificou a venda anticipada como mellor opción.

Jorquera volveu reclamar que se faga pública a información sobre a venda de Novagalicia Banco e denunciou que a comisión de investigación das caixas “segue en paradoiro descoñecido”.

A iniciativa do BNG para coñecer “o custe real da venda de Novagalicia Banco” contou co apoio dos grupos da oposición pero foi tombada polo grupo maioritario do Partido popular.