O BNG participa na cadea humana da Ponte das Pías por un futuro para a Comarca de Ferrolterra!

Vence na cadea humana na Ponte das Pías

Cunha taxa de paro que supera o 30% e camiño da desertización industrial, o portavoz nacional, Xavier Vence, insta ao presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, a explicar en Ferrolterra onde está o final da crise que pregoa.

“O que me gustaría e que estes días que o señor Rajoy está proclamando que a crise xa é historia veña a Ferrol a explicarlle á cidadanía onde está o final desa crise, porque aquí o que temos é unha taxa de paro que supera o 30% e un proceso de destrución de empresas con ameaza de peche incluso dalgunhas tan importantes como é o caso de Megasa”, reclamou Vence no acto da cadea humana sobre a Ponte das Pías organizado pola CIG reivindicando un futuro para esta comarca.

Para o dirixente nacionalista, a propaganda non traerá traballo aos estaleiros galegos, senón proxectos concretos con pedidos e busca de mercados que deben plasmarse nos orzamentos do Estado.

“Reclamámoslle que demostre cales son as políticas para saír da crise con plans para dar carga de traballo a Navantia nas factorías de Ferrol e Fene, propostas concretas para aproveitar o levantamento do veto a partir de xaneiro de 2015, cun plan por parte da dirección da empresa de busca de pedidos e de mercados e a contratación de persoal para poñer a factoría a funcionar”, alegou.

Neste sentido, Vence pide a Rajoy e Feijóo que expliquen os proxectos concretos para activar a construción naval nesta comarca. “Pero pola información que temos e polo que se ve nos orzamentos non hai nada para sacar adiante os proxectos que darían carga de traballo aos estaleiros desta comarca, como a construción do dique flotante para ser competitivos na reparación de buques de gran calado”.

Pese a ausencia de iniciativas do PP no Estado e na Xunta, -dixo-, “os nacionalistas non renunciamos ao futuro do país, como non renunciamos ao futuro desta comarca, estamos aquí, unha vez máis, demandando medidas concretas”.

“Son necesarias medidas urxentes de reindustrialización para Ferrolterra e non podemos permanecer impasibles ante a desertización dunha comarca que outrora foi un referente industrial do país”, demandou Vence, para quen é preciso “frear o proceso de peche de empresas e poñer en valor todas as infraestruturas do sector naval para crear emprego e riqueza”.

O acto reivindicativo baixo o lema Amarra o teu futuro organizado polo sindicato nacionalista foi apoiado e secundado polo BNG, coa presenza na cadea humana do portavoz nacional, Xavier Vence, do portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, da deputada responsable de Industria, Carme Adán, e da deputada no Congreso, Rosana Pérez entre outros responsables políticos nacionais e locais do Bloque.