A Xunta recoñece o “fraude” na facturación eléctrica aos concellos

Carme Adán formulou unha pregunta parlamentaria sobre as medidas de amparo do Goberno aos concellos afectados polo cobro indebido da tarifa eléctrica

A deputada do BNG, Carme Adán formulou hoxe unha pregunta parlamentaria na Comisión de Industria relativa a existencia de “facturas duplicadas” e irregularidades no cobro indebido da tarifa eléctrica en numerosos concellos galegos.

Pola súa parte, a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez recoñeceu o “fraude” na facturación e anunciou que os cobros indebidos aos concellos serán levados a través da lei de Consumo para a pertinente devolución das cantidades.

Adán lembrou que o BNG presentou unha moción nos concellos galegos sobre as numerosas reclamacións pola facturación indebida da electricidade ao aplicar a distribuidora eléctrica unha tarifa diúrna cando as institucións contrataran a nocturna para o alumeado público, asemade denunciou a duplicidade de facturas, a ausencia de contadores, o cobro de tramos equivocados e conceptos contrarios á lexislación eléctrica.

Para a deputada, máis alá dos erros puntuais, a distribuidora eléctrica cometeu “unha estafa” que agora, seguindo as afirmacións da titular de comercio, dixo, será resolta coa devolución dos cobros indebidos .

Adán amosou a súa satisfacción polo anuncio de que a Xunta inicie a apertura de expedientes sancionadores tras as reclamacións en curso formuladas polos concellos galegos, “cinco anos de facturas indebidas, dixo, parécenos escandaloso” polas graves consecuencias para as arcas locais.

A Xunta iniciará os expedientes sancionadores

Sol Vázquez confirmou que o Inega e Instituto Galego de Consumo puxo en marcha unha campaña de información aos consumidores para explicar os distintos contidos da factura eléctrica e sobre as reclamacións dos concellos, afirmou que “ a Xunta adoptou unha posición activa poñendo en marcha diversas medidas” como o asesoramento e colaboración para mediar e resolver a reclamación.

A titular de Comercio aclarou que nos últimos cinco anos foron cobradas aos concellos cantidades “prohibidas” polo Real decreto polo que a compañía comercializadora iniciou un proceso de devolución dun ano pero para o Instituto galego de consumo, os concellos son consumidores e a normativa de consumo contempla que as infraccións “prescriban aos cinco anos”, polo tanto facúltanos para iniciar os expedientes sancionadores para a devolución das cantidades cobradas indebidamente durante ese período.