A Xunta encobre a venda fraudulenta de Ferroatlántica poñendo en risco o futuro da factoría

Noa Preas
Noa Preas
Presas: “Non imos permitir que se clausure unha comarca enteira polas débedas que o PP teña por detrás co señor Villar Mir”
O BNG volveu esixir ao Goberno de Feixóo que cumpra o seu compromiso, anunciado polo propio presidente da Xunta en sede parlamentaria, de esixir un plan de viabilidade a Ferroatlántica pero ante o voto negativo do PP a portavoz de Industria, Noa Presas, acusou ao Goberno do PP de conivencia nunha operación de venda fraudulenta que o busca e a segregación das centrais hidroeléctricas “pola porta de atrás”, tal e como denuncia o comité de empresa, o que significaría o principio do fin da actividade da factoría.

Presas salientou que cando xa ten decidida a venda, a empresa liderada por Villar Mir confirma que non vai renunciar aos recursos legais que presentou contra a resolución de Augas de Galiza que impedían a segregación das centrais. E o novo comprador tampouco o vai facer. E, en segundo lugar, “sorprende” toda a operación de escisión da fábrica de Sabón do resto da unidade industrial, que non ten unanimidade no cadro de persoal e que a Xunta non tivo reparo en consentir.

“Todo isto confirma que estamos diante dunha operación de venda que é fraudulenta, todo indica que Ferroatlántica ten unha axenda oculta que inclúe unha operación de maquía: segregar as ferroaleacións das centrais hidroeléctricas pola porta de atrás. Unha manobra de enxeñería financeira pola cal a empresa compradora cada vez está máis claro que ten un pacto con Villar Mir para separar na práctica a produción de ferroaliaxes da explotación hidroeléctrica. É unha segregación encuberta das centrais coa que esquivar as cláusulas da concesión e, mentres, a Xunta segue en silencio o que resulta  inaceptable”, denuncia Presas.

Para o Bloque, a Xunta debe escoller entre a Costa da Morte ou Villar Mir, e pide un plan de viabilidade tras 25 anos sen investimentos que modernicen a planta de Cee, sen pechar o ciclo produtivo en Galiza e co continuado intento de segregación.

“Debe esixir un plan de viabilidade na operación que a empresa pretende levar adiante para dar cumprimento ás distintas resolucións da propia Xunta, da sentenza do TSXG e das propias palabras de Feixóo no Parlamento galego”, recalcou Presas, e “desenvolver os informes e as actuacións legais necesarios para esixir, como titular das concesións hidroeléctricas do río Xallas, que se garanta a viabilidade das plantas tanto en Cee-Dumbría como en Sabón. De non cumprirse, -recalca-, iniciar un proceso e reversión das centrais”. Todas estas propostas do BNG foron vetadas polo PP na comisión parlamentaria de Industria, pero a deputada nacionalista anunciou novas iniciativas.

“Porque temos sobre a mesa todos os indicativos para non confiar nesta operación de compravenda, porque as palabras da Xunta e da empresa poden dicir misa, pero o certo é que, a día de hoxe, están detrás desta empresa os mesmos que nos levaron até esta situación e, por tanto, todas as alertas son poucas, e se teñen que ser cincuenta serán cincuenta pero volveremos traer esta cuestión ao Parlamento para que os problemas de  Ferroatlántica estean no debate e para que o PP non escape da súa promesa de esixir o plan de viabilidade”, indicou.

“Estaremos vixiantes porque non imos permitir que se clausure unha comarca enteira polas débedas que teña o PP por detrás con Villar Mir”, concluíu Presas.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG