Parlamento Galego

Unanimidade a iniciativa do BNG para exisir ao Estado que se plante en Europa fronte aos recortes da cotas de pesca para 2026

Rosana Pérez
Rosana Pérez demanda un plan propio de axudas da Xunta de para paliar os efectos dos recortes no abadexo, o linguado, o xurelo, a xarda e o lirio

O BNG acadou unanimidade no Parlamento para  que a Xunta de Rueda lle reclame ao Goberno central que presione na UE ante os previsíbeis recortes de Totais Admisíbeis de Captura (TACs) e cotas para 2026 propostos pola Comisión Europea que se decidirán no Consello de Ministros de pesca da UE o 11 e 12 de decembro.

Para a responsable de Mar do Bloque Nacionalista Galego, Rosana Pérez, esta medida sería outra “volta de porca para a frota galega”, polo que–engadiu– “botamos en falta un goberno español que se plante no Consello de Europa, que vete as decisións que haxa que vetar e que impida a toda costa que a frota galega non sexa viable, porque o é por propios méritos e por o seu propio esforzo”.

Ademais, o BNG demanda á Xunta un plan propio para paliar a posible redución de cotas para unha frota que leva anos soportando recortes, vedas e limitacións que fan cada vez máis difícil manter a actividade, con custos crecentes que superan en moitos casos os ingresos.  A proposta comunitaria para 2026 mantén conxelada a cota de pescada en augas ibéricas, prevé unha suba do 12% para o rapante e un recorte do 2% para o peixe sapo–cando este ano experimentaron incrementos na cota do 22.8% e do 16,8% respectivamente–, pero introduce reducións especialmente graves en especies de alto interese para Galiza, como o 26% de recorte no abadexo, o 28% no linguado e o 5% no xurelo entre Fisterra e o Golfo de Cádiz.

Na iniciativa do BNG expoñíase que a maior intranquilidade para o sector chega polas recomendacións científicas que apuntan a un recorte do 70% na cota de xarda, que afectaría de cheo á frota do cerco, e dunha redución do 41% no lirio, de grande impacto no arrastre de litoral, nun contexto no que xa se sofren vedas en 87 zonas que mesmo poderían ampliarse.  Isto supón un durísimo golpe para o sector, agrava a escaseza de cotas nas principais especies e non ofrece garantías de futuro nin para a frota nin para as comunidades costeiras que viven do mar.

É por iso que o BNG, na iniciativa, reclamaba que defenda unha posición que asegure a viabilidade e a sostibilidade da actividade pesqueira galega, esixindo que se cumpran os criterios fixados pola sentenza do Tribunal de Xustiza da UE do 11 de xaneiro de 2024, que obriga a ter en conta non só as cuestións medioambientais senón tamén as sociais e económicas na fixación das cotas.

Demanda ademais vetar calquera redución de cotas que non se axuste a esta sentenza ou que afecte de maneira grave á frota galega, especialmente á de baixura, así como avanzar en medidas de cobertura económica para os barcos que se poidan ver obrigados a parar pola redución de posibilidades de pesca.

Ademais, o BNG propón que a Xunta inste a UE a impedir dunha vez por todas a entrada no mercado europeo de xarda e xurelo procedentes de países do norte de Europa que se autoasignan cotas á marxe dun reparto equilibrado, e que o Estado leve a cabo unha xestión interna das cotas que evite distorsións entre os distintos territorios do Estado e non favoreza a especulación nin a discriminación da frota galega.

Por último, a iniciativa reclamaba que o Goberno galego planifique xa un plan propio de axudas económicas para o sector pesqueiro, complementario ás posibles convocatorias estatais, co obxectivo de amortecer o impacto de novos recortes de TACs e cotas que poidan acordarse na cita de decembro en Bruxelas.