Luís Bará

Se o Umia non está contaminado por que foi desaconsellado o baño a finais de xullo e prohibido en agosto?

Concelleira e concelleiros do BNG
Concelleira e concelleiros do BNG

O BNG  reclama unha declaración ambiental e denuncia a falta de garantías para abastecer os concellos da  contorna de Caldas,  cunha poboación que alcanza a 150 mil persoas que se duplica no verán

O parlamentario do BNG por Pontevedra, Luís Bará defendeu hoxe unha moción para tomar as medidas necesaria contra a contaminación do río Umia.

Na defensa da iniciativa e trala resposta do portavoz do Partido popular, Gonzalo Trenor, que negou a existencia de contaminación no río e  encoro pola acumulación de cianobacteria e microcistina, Bará preguntou cales foron as verdadeiras  razóns polas que  Augas de Galiza, a través dunha declaración de alarma, o pasado 6 de xullo  desaconsellou o baño “si non había nada que o xustificara”. Bará lembrou que a prohibición do baño no mes de agosto foi inmediata á denuncia pública que o BNG fixo en  Caldas.

Estamos ante un problema coñecido, crónico, recorrente e moi preocupante e que dende hai 12 anos segue sen resolverse pola “irresponsabilidade da Xunta de Galiza”, explicou o deputado que ademais cualificou de  “ estafa” o Encoro do Umia por ser  unha obra promovida  e executada pola Xunta en contra da maioría da poboación da contorna e das decisións dos plenos das corporacións dos concellos afectados, “como  suposta obra de utilidade pública para convertela despois en  privada e que non  resolveu os problemas para a que foi concibida”.

“Non garante o abastecemento aos concello da bacía do Umia nin a regulación do caudal para a prevención das enchentes do río”. Moi o contrario, transformou un “río vivo” nun “río tóxico”. A estas alturas, afirmou o nacionalista, podemos constatar que o aproveitamento do río Umia o único que perseguía era beneficiar o abastecemento hidrolóxico dunha empresa privada. As obras provocaron a alteración do ecosistema do encoro, no propio  río e mesmo  afectando á Ría de Arousa, ademais de riscos para a saúde da poboación.

O deputado denunciou a “falta de garantías no abastecemento de auga” aos concellos limítrofes cunha poboación potencial de 150.000 persoas que pode duplicarse no verán. Bará insistiu na contaminación do río como confirmación, dixo, os controis de Augas de Galiza constatan que  “existe contaminación en seis puntos de control ao longo do río, e as estacións potabilizadoras da Xunta non contan con tecnoloxía axeitada para tratar a auga contaminada pola microcristais”.

O deputado lamentou que o Partido popular impedira que prosperara a iniciativa nacionalista que reclamaba iniciar analíticas con maior periodicidade así como  “un estudo epidemiolóxico para determinar as incidencias sobre a saúde da poboación”.

A respecto do anuncio da depuradora de Caldas, Bará explicou que mesmo a empresa encargada do anteproxecto confirmou a mala calidade das augas pola presenza da alga contaminante  en diferentes  puntos do río. Ademais, o BNG pide un  informe que debe ser remitido ao Parlamento sobre o pagamento pola concesión e aproveitamento hidroeléctrico.

Finalmente, Bará reclamou restaurar o curso do río con todas as garantías “liberando o río estancado, e encorado, rescatar a concesión hidroeléctrica e recuperar o Umia,  como un “río vivo, rexenerado e con futuro”. Que nos devolvan, , concluíu”  “o río Umia que nos roubaron”.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG