Senado

Senado aproba a moción do BNG para garantir a xubilación anticipada dos mariñeiros de palangreiros e arrastreiros conxeladores

Carme da Silva

Carme da Silva consegue o apoio da cámara alta para que aos e ás mariñeiras se lles aplique o coeficiente redutor máximo da idade de xubilación, 0,40

O BNG denuncia a discriminación do Goberno e reclama “xustiza social para un sector estratéxico para a Galiza e con condicións laborais extremas”

A Comisión de Pesca da cámara alta aproba a moción do BNG que demanda ao Goberno do Estado a modificación da Circular 4/2023 da Secretaría Xeral de Pesca para que os mariñeiros que traballan en palangreiros-conxeladores e arrastreiros-conxeladores que faenan en augas internacionais poidan acceder ao coeficiente redutor máximo da idade de xubilación, do 0,40.

A iniciativa responde á inxusta exclusión destes traballadores do mar do dereito á xubilación anticipada en igualdade de condicións co resto da frota conxeladora. Esta situación, segundo explicou Carme da Silva, “supón unha clara discriminación a máis de 1.500 mariñeiros galegos de 149 barcos que traballan en condicións extremadamente duras e perigosas, e que merecen o mesmo recoñecemento e protección social”.

A senadora nacionalista destaca que “non hai razón técnica nin xurídica que xustifique que estes buques non sexan considerados conxeladores, cando cumpren todos os requisitos: faenan en augas afastadas, conxelan a bordo e realizan longas mareas en condicións climáticas extremas”. “Estamos a falar de condicións laborais que deixan unha pegada evidente na saúde dos mariñeiros e que xustifican plenamente o acceso ao coeficiente do 0,40” subliña.

Durante a súa intervención, Da Silva denunciou que a interpretación restritiva do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación recollida na Circular 4/2023 “atrasa inxustamente a idade de xubilación destes profesionais do mar, sen ter en conta a penosidade e perigosidade das súas tarefas, ignorando os informes e demandas do propio sector”.

A moción do BNG aprobada insta o Goberno a revisar e modificar dita circular, recoñecendo os dereitos das tripulacións afectadas. “Con esta moción buscamos corrixir unha inxustiza que ten un impacto directo na vida de centos de familias mariñeiras galegas”, afirmou Da Silva. “A frota conxeladora é estratéxica para Galiza, representa o 70% da do Estado, e non pode ser tratada como frota de segunda categoría”.

A senadora do BNG reclama tamén “diálogo coa frota afectada e coas organizacións representativas do sector para garantir unha solución inmediata” e advirte que “o BNG continuará vixiante para que esta modificación non quede nunha declaración de intencións e se materialice de forma efectiva”.

Con esta iniciativa, o BNG dá un paso máis na súa liña de traballo en defensa da dignificación das condicións laborais e da xustiza social para os traballadores do mar, un sector esencial para a economía e identidade da Galiza.