parlamento galego

Secundino Fernández acusa ao PP de intentar dar un “pelotazo” con Altri

Secundino Fernández
Secundino Fernández

“Se botamos contas, cada posto de traballo que se crearía con esta macro celulosa sae a medio millón de euros dos fondos públicos”, critica o deputado do Bloque

O deputado do BNG Secundino Fernández acusou este xoves ao Goberno do PP de intentar dar un “pelotazo” co proxecto de Altri en Palas de Rei para favorecer “aos seus amigos” utilizando os cartos de todos os contribuíntes. Cartos públicos, advertiu, que irían a parar a un proxecto que “é un exemplo de libro de industria de enclave e de espolio colonial dos recursos naturais do noso País”. “Vostedes son esquilmadores dos recursos públicos e do territorio”, asegurou dirixíndose ás bancadas do PP. 

Secundino Fernández defendeu en comisión parlamentaria unha proposición non de lei para pedir ao Goberno do PP que tome posición en contra do proxecto de Altri polo impacto que, de facerse realidade, tería no territorio, sobre os recursos hídricos e sobre o monte e a superficie agraria nunha comarca -A Ulloa- que é eminentemente gandeira e “un verdadeiro exemplo de economía circular”.

O deputado nacionalista convidou así aos deputados populares a escoitar o “clamor social” en contra da megacelulosa, para a que o PP vén de pedir no Congreso 250 millóns de euros dos fondos europeos. “Se botamos contas, cada posto de traballo que se crearía con esta macro fábrica sae a medio millón de euros”, denunciou o portavoz de Medio Rural do BNG logo de lembrar que, segundo a documentación publicada, serán 500 os postos de traballo que se crearían cando as instalacións funcionasen a pleno rendemento.

“Que triste sería que o diñeiro para desenvolver unha zona, para crear riqueza, acabe nas mans dos que queren destruíla”, manifestou, para a continuación contrapoñer o “medio millón de euros por emprego que pretenden entregarlle a Altri” aos 30.000 euros que recibe unha persoa que quere crear unha explotación agraria.

O risco que a instalación pasteira implica para o sector agrogandeiro centrou boa parte da intervención do deputado nacionalista, quen subliñou ao respecto o incremento da demanda de eucalipto que traerá consigo unha demanda de terras para a plantación desta especie invasora e, en consecuencia, menor dispoñibilidade de terras para uso agrario.

A perda de prestixio da DO Queixo Arzúa Ulloa e Tetilla, a valorización negativa das granxas ou a contaminación atmosférica e das augas “repercutindo de xeito negativo sobre as terras, o turismo e a restauración” foron outros dos riscos sinalados por Secundino Fernández na defensa da iniciativa, que foi rexeitada.

“Pensen nos miles de familias que traballan e viven do sector agrogandeiro, pensen nas miles e miles de mulleres e homes que viven nas parroquias destas comarcas e que loitan por manter un medio rural vivo”, reclamoulle aos deputados do PP, para concluír a súa intervención cun “Altri non!”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG