Rosana Pérez:"No sinistro do Alvia fican pendentes as responsabilidades políticas"
Rosana Pérez sinalou en relación ao auto do xuiz que estas son as responsabilidades penais, pero e as responsabilidades políticas?, preguntouse. Unha vez que coñecemos a cadea de feitos que levaron a que se producira un dos piores sinistros ferroviarios sucedidos no estado español, sempre defendemos a necesidade dunha Comisión de Investigación no Congreso para depurar as responsabilidades políticas que houber.
O BNG seguirá reclamando a Comisión de Investigación
Máis, lembrou Rosana Pérez, tanto PP como PSOE negáronse sempre o cal debe levar á reflexión. Se tan seguros estaban da falla de responsabilidades políticas, por que negarse tan insistentemente ás diversas solicitudes de creación de Comisión de Investigación plantexadas polo BNG? Por qué pecharse a un exercicio de transparencia?
Será que non están tan certos?.
Rosana Pérez considera un despropósito e unha inxustiza trasladar toda a culpabilidade do accidente ao maquinista que conducía un Alvia sen ERTMS, o dispositivo de seguridade máis avanzado, nunha curva perigosa na que en poucos metros había que pasar dunha elevada velocidade a frear a 80. Houbo fallos na seguranza e mostra delo foron as medidas de reforzo que a posteriori tivo que adoptar Fomento.
A deputada do BNG afirma que é evidente a xogada de bloqueo que tanto PP como PSOE fixeron na Cámara galega e no Congreso para impedir a Comisión de Investigación, son as dúas forzas políticas que tiveron responsabilidades na posta en marcha do Alvia. Para nós segue a ser unha asignatura pendente da que non renunciaremos na vindeira lexislatura. Nese sentido, lembra que no Parlamento das Corts Valencianas acaba de aprobarse a Comisión de Investigación sobre o metro sete anos após do tráxico accidente. O BNG non esquecerá o sinistro do Alvia do 24 de xullo de 2013, e continuará pedindo a Comisión de Investigación. É algo que lle debemos ás vítimas e ás súa familias.