Rego reivindica en Boiro o papel do BNG no Congreso como única forza que defende os intereses da Galiza e das clases populares

Acto Boiro
Durante o encontro coa veciñanza o deputado destacou a necesidade de confiar no BNG como “forza coherente e insubornábel que defende Galiza”.

O Bloque Nacionalista Galego realiza un encontro coa veciñanza de Boiro, na que contou coa presenza do deputado do BNG no Congreso. Néstor Rego valorou positivamente o papel do BNG na cámara baixa e a importancia que ten que as galegas e galegos teñan voz propia. Postula a súa organización como unha forza “nitidamente galega coas mans libres para defender unicamente os intereses da Galiza e das clases populares”.

Durante o encontro, o deputado nacionalista destacou a defensa “coherente e insubornábel” dos intereses da Galiza e da clase traballadora desde a súa toma de posesión no Congreso. Unha voz galega comprometida, como sempre fai o BNG, coa defensa do País desde o primeiro minuto, como se puido comprobar co Acordo de Investidura acadado pola formación do BNG que logrou desbloquear a Axenda Galega após catro anos sen representación do nacionalismo galego na cámara española.

“Mais o Goberno de coalición, PSOE e UP, non parece ter apuro no cumprimento do asinado. Algunhas partes do acordo como a referida ás peaxes da AP-9, a rexeneración da Ría do Burgo ou o inicio das negociacións dentro das Mesas de Transición Xusta nas Pontes e Meirama, foron póndose en marcha, pero con outros aspectos non amosan intención. Observámolo recentemente no debate da reforma laboral, en que aínda que se tiña comprometido, co BNG e con outras forzas políticas, á súa íntegra derrogación, finalmente, decidiron pórlle un parche e sucumbir aos intereses da patronal” denuncia o deputado nacionalista. Rego, de facto, explica que “existindo unha maioría progresista no Congreso, PSOE e Podemos decidiron ceder ante os intereses da Unión Europea e deixaron de lado a clase traballadora”.

O deputado nacionalista cualifica de “fraude” a votación da Reforma Laboral por manter os aspectos máis lesivos da Reforma aprobada polo Partido Popular, en concreto, 90%.  “Non tocan as facilidades e o abaratamento do despedimento, a autorización administrativa previa para os ERE, os salarios de tramitación, a prevalencia dos convenios de empresa, que poden empeorar os de sector, excepto nos salarios, etc.” enumera o deputado do BNG.

Por outra banda, Rego destacou o papel da organización nacionalista en defensa do sector pesqueiro galego a través de diversas iniciativas na cámara baixa e mesmo en coordinación coas compañeiras deputadas no Parlamento de Galiza. “A frota pesqueira galega foi unha das máis importantes do Estado español e de Europa, por iso entendemos que urxe declarar a Galiza como unha zona altamente dependente da pesca” reivindica o deputado nacionalista.

Lembrou tamén as diversas iniciativas para activar axudas, a través das minimis e outras en coordinación coa Xunta de Galiza, ante o aumento dos prezos do combustíbel de pesca. Así mesmo, indica a posición contraria do BNG “ante a implantación de proxectos de eólica mariña na costa galega” por ser proxectos que repercutirían negativamente a caladoiros e espazos protexidos, ademais de prexudicar á frota pesqueira.